As augas mineiromedicinais resultan moi efectivas para combater as doenzas reumatolóxicas propias de idades avanzadas e tamén a artrite xuvenil
- Detalles
- Categoría: Balnearios de Galicia
- Published: Xoves, 25 Abril 2013 23:00
- Visitas: 629
Empréganse en particular as augas sulfuradas, que destacan pola súa acción antiinflamatoria
Os alumnos da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia participan mañá sábado nunha sesión práctica no balneario de Lugo. Durante a xornada abordarase o tratamento de enfermidades reumatolóxicas nos centros termais. A directora médico do balneario lucense, Ascensión Sánchez, e a súa fisioterapeuta, Begoña Fernández, mostraranlles aos futuros facultativos como se asiste a estes pacientes.
A doutora Sánchez salienta o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota.
A doutora explica que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse tratamentos personalizados a cada caso, baseados en chorros termais, duchas circulares e baños -tanto en bañeira como en piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineiromedicinais como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante exercicios en seco ou en piscina-.
A doutora Sánchez sinala que a maioría dos pacientes que se tratan nos balnearios por procesos reumatolóxicos son persoas maiores, posto que este tipo de doenzas increméntanse a medida que a idade avanza, aínda que poden afectar a individuos de calquera idade. Nesta liña, son habituais os casos de nenos que padecen artrite reumatoide xuvenil. E tamén é frecuente o tratamento de enfermidades inflamatorias en todas as idades, a pesar de que son máis comúns a partir dos corenta anos.
Os estudantes da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC coñecerán na sesión de mañá sábado as diferentes técnicas de balneoterapia que se aplican no balneario de Lugo e as propiedades terapéuticas das súas augas mineiromedicinais. Ademais, terán a oportunidade de probar os diversos tipos de chorros, baños, piscinas e ata saunas e duchas de contraste de que dispón o balneario. E visitarán as antigas termas públicas romanas, declaradas Monumento Histórico Artístico Nacional. O balneario de Lugo é o único de Galicia que conserva os vestixios dos vellos baños romanos.