Os tratamentos termais eliminan o picor ocasionado pola dermatite atópica na práctica totalidade de nenos e bebés

ninos_latoja_webTamén se están a lograr avances significativos no tratamento doutras doenzas da pel como a psoríase ou o acné

Os alumnos da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia participan mañá venres nunha sesión práctica no balneario Isla de La Toja. Durante a xornada abordaranse as enfermidades da pel tratadas nos centros termais. A idea é que os futuros médicos coñezan mellor este tipo de tratamentos e os poidan prescribir aos seus pacientes, debido á súa efectividade para combater certas doenzas como as dermatolóxicas.

A doutora Marta Arribas, directora médico do balneario Isla de La Toja, salienta que son moi poucos os balnearios que posúen augas indicadas para tratar doenzas da pel. Non obstante, os establecementos termais galegos son case unha excepción, xa que, na súa maioría, as súas augas mineiromedicinais son beneficiosas para combater afeccións dermatolóxicas. Destaca o caso particular do balneario Isla de La Toja, que ten realizado unha serie de estudos que demostran a efectividade dos seus tratamentos na abordaxe de diferentes patoloxías neste eido como a psoríase, a dermatite atópica, a dermatite de contacto (ocasionada pola alerxia a certas substancias), as úlceras varicosas ou o acné, entre outras.

A doutora sinala que para tratar estas doenzas emprégase a auga mineiromedicinal aplicada sobre a pel mediante diferentes técnicas. E tamén se utilizan, agás nos pacientes con feridas abertas, os peloides termais, unha especie de fango elaborado cun concentrado dos minerais que hai nas augas mineiromedicinais, “con resultados moi efectivos” trala súa aplicación na pel.

“Os resultados que estamos a obter son excelentes” -manifesta Arribas-. Indica que fan un seguimento dos seus pacientes durante un ano para poder valorar a evolución da doenza. “No 70% dos casos prodúcense mellorías moi significativas que perduran durante máis de seis meses e nunha porcentaxe algo inferior lógrase unha mellora que se prolonga durante máis dun ano, en particular nos afectados por psoríase” -asegura-.

O balneario Isla de La Toja é pioneiro no tratamento da dermatite atópica en nenos e bebés. “Logramos eliminar o picor na práctica totalidade dos nenos e unha melloría moi notable do aspecto xeral da pel. Nestes casos empregamos técnicas baseadas en baños e, sobre todo, peloides termais” -apunta a doutora-.