Representantes da principal asociación británica e europea para a conservación do patrimonio visitan esta semana os balnearios galegos

national_trust_webÉ unha “grande oportunidade” para promocionar Galicia entre o mercado británico, onde apenas hai balnearios

Un grupo de representantes da principal asociación británica centrada na protección dos lugares de interese histórico e natural visitan esta semana varios establecementos termais da comunidade. Fano da man da Asociación de Balnearios de Galicia.

A Fundación Nacional para os Lugares de Interese Histórico ou de Beleza Natural do Reino Unido, máis coñecida como National Trust, é unha asociación sen ánimo de lucro. O seu propósito é conservar e revalorizar os monumentos e os lugares de interese colectivo. É a organización deste tipo máis importante de Europa e o segundo propietario de bens inmobles do Reino Unido despois da Coroa británica. Na actualidade administra máis de 300 monumentos e 200 xardíns que van dende lugares megalíticos a mansións das diferentes épocas. O seu campo de intervención inclúe edificios industriais, coleccións e mesmo a casa da infancia dos ex-Beatles John Lennon e Paul McCartney.

O xerente da Asociación de Balnearios, Benigno Amor, explica que “esta iniciativa representa unha grande oportunidade para promocionar os balnearios galegos entre o mercado británico”. Nesta liña, salienta que “o feito de que unha entidade tan relevante coñeza os nosos centros termais, xunto co noso patrimonio histórico e paisaxístico, ademais da gastronomía de Galicia, significa que o van poder recomendar aos seus membros, cuxa cifra ascende na actualidade aos catro millóns de socios”.

Amor lembra as semellanzas que existen entre Galicia e o Reino Unido, en particular no relativo ao clima e á riqueza patrimonial. “Non obstante -apunta-, en Inglaterra case non hai balnearios, polo que Galicia pode ofrecerlle aos visitantes británicos a súa rica e variada oferta termal, avalada por unhas augas mineiromedicinais que se atopan entre as de maior calidade de toda Europa”. Amor manifesta que “patrimonio e termalismo constitúen o tándem perfecto para unha proxección exterior da imaxe de Galicia”.

O grupo británico terá a oportunidade de coñecer a historia do termalismo en Galicia e as propiedades das nosas augas mineiromedicinais. Ademais, visitarán as instalacións do balneario ourensán de Laias (no concello de Cenlle); os lucenses de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo; e o pontevedrés de Mondariz.