Galicia posúe 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen, coas que se tratan dende anemias e afeccións alérxicas ata trastornos psiquiátricos

augas_mondariz_webÚsanse como complemento aos tratamentos médicos, ao tempo que axudan a previr certas enfermidades como a artrose

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos. A doutora Laura Gómez, directora médico do balneario de Mondariz, dará a coñecer os distintos tipos de augas mineiromedicinais que existen nos centros termais galegos e para que doenzas está indicada cada unha.

A doutora salienta a importancia de que os médicos de familia coñezan as características das augas dos balnearios da comunidade, co fin de poder prescribir aos seus pacientes as que mellor se adapten a cada patoloxía. Nesta liña, a doutora manifesta que “las aguas mineromedicinales son un buen complemento a los tratamientos médicos convencionales, al tiempo que ayudan a la prevención de ciertas enfermedades, sobre todo a nivel musculoesquelético, como puede ser la artrosis, y a la mejora de problemas respiratorios y de la piel”.

Os balnearios galegos están especializados, na súa maioría, no tratamento de doenzas reumatolóxicas, dermatolóxicas, respiratorias e do aparato dixestivo. Así mesmo, están indicadas para abordar enfermidades cardiovasculares, renais, hepáticas, do sistema endocrino e mesmo trastornos de carácter psiquiátrico.

A doutora explica que existen oito tipos de augas mineiromedicinais en función do seu contido de elementos minerais, que lle outorgan certas propiedades con determinados efectos terapéuticos. Así, as bicarbotanadas son antiacedas, beneficiosas para o sistemas dixestivo, intestinal, hepático e renal. As augas cloruradas son antiinflamatorias, analxésicas, estimulan a cicatrización e, administradas en bebida, presentan importantes efectos dixestivos.

Por outro lado, as augas sulfatadas actúan sobre o aparato dixestivo e están indicadas para combater afeccións hepáticas, cunha notable acción laxante e diurética. As sulfuradas úsanse para tratar problemas respiratorios e afeccións alérxicas; destaca en particular a súa acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante.

As augas carbogaseosas exercen un efecto sedante e analxésico, ao tempo que estimulan a motilidade intestinal. As augas ferruxinosas favorecen a rexeneración de glóbulos vermellos, polo que se empregan para combater determinadas anemias. As radiactivas resultan moi beneficiosas para o tratamento de contracturas musculares e de certos trastornos psiquiátricos. Por último, as oligometálicas son diuréticas, de interese para tratar afeccións renais.

Nos balnearios galegos están representados todos estes tipos de augas, con excepción das sulfatadas.