Os futuros médicos galegos afondan no valor terapéutico das augas medicinais da comunidade

augas_mineiromedicinais_webEstas augas deben cumprir certos requisitos como procederen dunha fonte subterránea, conter máis dun gramo de mineralización e ter unha temperatura superior aos 20 ºC

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o edificio docente Roberto Novoa Santos da USC acolle esta tarde unha nova sesión dirixida a futuros facultativos expertos na cura termal. A responsable de impartir esta xornada será a doutora Idoia Garaizabal, directora médico do Grupo Relais Termal, que aglutina a balnearios de toda España, incluído o balneario Acuña, situado na localidade pontevedresa de Caldas de Reis.

A doutora Garaizabal, especialista en hidroloxía médica, centrarase no valor das augas mineiromedicinais, na súa clasificación, nas diferentes técnicas de análise que existen, así como nos seus mecanismos de acción sobre o organismo. Sinala que a hidroloxía é a rama da ciencia que se dedica ao estudo das augas na súa extensión máis ampla. Pola súa parte, a hidroterapia fai referencia ao estudo das augas minerais con fins terapéuticos.

A doutora indica que a hidroterapia é a utilización da auga potable ordinaria con fins terapéuticos, sen considerar os efectos derivados da súa composición química. Pola súa parte, na hidroloxía aplícase a auga mineiromedicinal, polo que resulta fundamental a composición química específica de cada tipo de auga, xa que influirá de maneira decisiva nos seus efectos beneficiosos sobre o organismo, de cara a tratar diferentes doenzas. Ademais, destaca que a hidroterapia pode aplicarse en calquera sitio onde chegue a auga potable; mentres que no caso da hidroloxía a súa aplicación só pode levarse a cabo no mesmo lugar onde emerxen as augas mineiromedicinais, a través dos balnearios ou estacións termais.

Así, a hidroterapia baséase na administración, sempre externa, da auga potable, que só ten efectos de tipo físico sobre o organismo. Fronte a isto, a hidroloxía emprega augas mineiromedicinais, que se poden administrar por tódalas vías, con efectos físicos e tamén químicos sobre o organismo.

A doutora Garaizabal explica que existen unha serie de condicións indispensables para considerar as aguas mineiromedicinais como tales. En primeiro lugar, deben proceder dunha fonte subterránea e non estar bacterioloxicamente contaminadas. Deben conter máis dun gramo de mineralización e a súa composición físico-química debe permanecer inalterable no tempo. A súa temperatura será superior aos 20 ºC, deberán ter demostrados os seus efectos terapéuticos e seren declaradas de utilidade pública polo organismo competente.