A “Q” de Calidade Turística, froito de estritas auditorías anuais, avala o prestixio dos balnearios galegos

laias_webPosúen esta distinción sete establecementos termais integrados na Asociación de Balnearios de Galicia

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Laias (no concello ourensán de Cenlle) acolle mañá sábado unha sesión sobre a importancia da calidade e a hixiene nos establecementos termais. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán as medidas que adoptan os balnearios nestes eidos.

A responsable de calidade de Caldaria Termal -que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios-, Candi Figueirido, mostraralles aos estudantes de Medicina as vantaxes de implantar un sistema de xestión da calidade nun centro termal.

Figueirido destaca a relevancia de que os balnearios estean certificados pola “Q” de Calidade Turística, a distinción que avala a calidade no sector turístico español. Outórgaa o Instituto para a Calidade Turística Española e apórtalle aos establecementos que a ostentan prestixio e fiabilidade. É froito de estritas auditorías anuais, que certifican a prestación dun servizo con garantía de máxima seguridade e profesionalidade. A marca, que se renova cada tres anos, “proporciona unha vantaxe competitiva”, sinala Figueirido, quen asegura que “cun sistema de xestión de calidade conséguese un traballo máis organizado, posto que cómpre seguir unhas condutas mínimas e tratar de ir mellorándoas”.

“A finalidade é lograr a satisfacción dos usuarios, incrementar o número de clientes, conseguir a súa fidelización, mellorar todos os procesos de traballo e abrir novas oportunidades no mercado” -salienta Figueirido-. Indica que a marca supón unha motivación para os profesionais que traballan nos balnearios, ao tempo que se optimizan os recursos, coa consecuente diminución dos custos económicos.

Na comunidade galega posúen a “Q” de Calidade Turística sete balnearios integrados na Asociación de Balnearios de Galicia. Na provincia da Coruña o balneario de Carballo. Na provincia lucense os balnearios de Gutiriz e Lugo. En Ourense os de Arnoia, Laias e Lobios. E en Pontevedra Termas de Cuntis.

Durante a xornada intervirá tamén Dolores Fernández Marcos, directora médico de Caldaria Termal. Abordará a hixiene nos balnearios, en particular as condicións que deben cumprirse de cara á mellor protección e aproveitamento posible das augas. E tratará as zonas que deben protexerse preto dos mananciais, xunto cos puntos críticos que deben someterse a coidados máis rigorosos nos balnearios.