O balneario de Guitiriz é pioneiro en España en contar cunha Unidade de Coidados Integrais para pacientes afectados por cancro

sramos_webA medicina convencional non contempla os efectos secundarios dos tratamentos, polo que entre un 30 e un 40% dos pacientes recorren a “medicinas alternativas” ao longo da súa enfermidade

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Guitiriz acolle mañá venres e o sábado un curso sobre os coidados dos pacientes oncolóxicos nos balnearios. Diríxese a futuros facultativos expertos na cura termal, aínda que tamén poden participar profesionais socio-sanitarios vinculados á oncoloxía, persoas afectadas por esta doenza e os seus familiares.

O coordinador desta iniciativa é o doutor Salvador Ramos, director médico do balneario de Guitiriz. Explica que se trata de achegar “unha mirada diferente sobre a enfermidade e as persoas afectadas”. Nesta liña, sinala que os balnearios, como centros sanitarios, poden atender a pacientes con “necesidades especiais” como son os oncolóxicos, co fin de mellorar a súa calidade de vida.

O doutor manifesta que “as necesidades asistenciais dos pacientes oncolóxicos van máis alá de poder dispoñer dos mellores procedementos diagnósticos e terapéuticos posibles. Hai outras moitas necesidades ao longo de todo o proceso”. E asegura que na sanidade aínda queda moito camiño por percorrer de cara a ofrecer plans de tratamento centrados no paciente e non só no órgano afectado.

O doutor Ramos lembra que o cancro é a primeira causa de enfermidade nas sociedades desenvolvidas. En España diagnostícanse cada ano 200.000 novos casos e na actualidade afecta a preto de 2 millóns de persoas, “o que o convirte nun problema socio-sanitario de primeira magnitude”. Tal como apunta o doutor, os tratamentos para combater o cancro son cada vez máis eficaces pero tamén máis agresivos e “a medicina convencional non contempla os efectos secundarios como elemento fundamental que cómpre atender. O paciente ten que pagar un custo de sufrimento moi elevado, pero existen alternativas á medicina tradicional para que ese padecemento sexa o menor posible”.

En certos países europeos como Francia ou Alemaña os centros termais xa levan varios anos ofrecendo servizos integrais aos pacientes con cancro, mentres que en España é moi pouco habitual. Nesta liña, o balneario de Guitiriz é pioneiro no ámbito nacional. Dispón dunha Unidade de Coidados Integrais para pacientes afectados por cancro, integrada por médicos, nutricionistas, expertos en exercicio físico, fisioterapeutas e masaxistas, entre outros profesionais.

Exercicio físico supervisado, asesoramento nutricional e mellora das secuelas físicas coas augas mineiromedicinais

O doutor Ramos salienta que é primordial que os pacientes oncolóxicos realicen exercicio físico supervisado por un profesional, xa que os severos tratamentos aos que teñen que someterse provócanlles fatiga e cansazo e -tal como indica o doutor- “a enfermidade non se combate descansando”. Así mesmo, reciben asesoramento e educación sobre como mellorar a súa alimentación, un aspecto fundamental para a súa recuperación. Ademais, as secuelas físicas, en particular na pel, melloran moito tras someterse ao tratamento con augas mineiromedicinais. Por outro lado, a enfermidade ten impacto no ámbito familiar, polo que tamén se traballa coa familia, á que se lle axuda a aprender a convivir con esta realidade.

“A diferenza dos hospitais, os pacientes acoden aos balnearios pola súa propia vontade, de xeito que desempeñan un papel máis activo, toman máis a iniciativa, o que inflúe de maneira moi positiva na súa recuperación” -salienta o doutor-. Ademais, insiste en que “as técnicas que se empregan nos balnearios non son nada agresivas e, ao mesmo tempo, resultan moi efectivas para este tipo de pacientes”. Pola súa parte, os usuarios valoran moi positivamente a súa experiencia, xa que aseguran que se restablecen as súas relacións persoais e sociais, aprenden a empregar ferramentas para seren máis activos en todo o proceso e, en xeral, melloran todas as secuelas coas técnicas de hidroterapia, o que repercute na súa calidade de vida.

A enfermidade contada polos seus protagonistas

A demominada oncoloxía integrativa contempla as “medicinas complementarias”. Trátase de incorporar ao proceso asistencial todas aquelas técnicas e tratamentos que teñen demostrado a súa eficacia. Así, estímase que entre un 30 e un 40% dos  pacientes oncolóxicos recorren a “medicinas alternativas” ao longo da súa enfermidade. Nesta liña, a doutora Pilar Lianes, xefa do servizo de oncoloxía do Hospital de Mataró (Barcelona) abordará este tema na sesión do venres no balneario de Guitiriz.

Tamén participarán persoas afectadas por cancro, que relatarán a súa experiencia, inquedanzas e necesidades. O hematólogo lucense Miguel González ofrecerá a súa visión como médico e paciente. E unha paciente xove contará as súas vivencias. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de coñecer e probar distintas técnicas de hidroterapia no balneario de Guitiriz, así como a relaxación asistida na piscina termal dinámica.

Na sesión do sábado, ademais da doutora Pilar Lianes, intervirá unha experta en mindfulness, unha técnica novidosa destinada a reducir o estrés; xunto cunha profesional en coaching no campo da saúde, cuxa labor se centra en ensinar aos pacientes como sobrelevar a enfermidade.