Máis dun cento de persoas acudirán á cea-baile da Festa da Belle Époque que se celebra este sábado no Balneario de Cuntis
- Detalles
- Categoría: Balneario de Cuntis
- Published: Mércores, 30 Setembro 2015 14:54
- Escrito por Eva
- Visitas: 716
Durante todo o día haberá mercado, teatro, xogos e actuacións musicais no casco histórico da vila cuntiense
As reservas aínda poden realizarse a través do teléfono 620 589 396 ou acudindo ao balneario
O Balneario de Cuntis acolle este sábado a cea-baile da cuarta edición da Festa da Belle Époque. A día de hoxe xa hai apuntadas unhas oitenta persoas pero agárdase superar as cen inscricións, tal como aconteceu en anos anteriores.
A Asociación de Hostalería e Turismo de Cuntis asume esta vez a organización dun evento ambientado entre as últimas décadas do século XIX e comezos do XX. O programa inclúe distintas actividades ao longo de todo o día. Haberá mercado con máis de trinta expositores, teatro de rúa, música de bandas, xogos para os máis pequenos e a cea-baile como colofón.
Os organizadores chaman á participación e animan a toda a veciñanza a vestirse con traxes de época para acudir a esta cita que pretende, segundo o presidente dos hostaleiros Rubén Navia, “revalorizar o casco histórico da vila, dotalo de vida e orixinalidade e poñelo a disposición dos viandantes”.
Os actos comezarán ás 11:00 horas polas rúas do centro histórico e pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a cea no salón do balneario. O menú estará composto por brochetas de langostinos, merluza en salsa de marisco e carrilleira de tenreira galega. Os pratos acompañaranse de viños brancos e tintos, licores, café e postre. Ao remate os comensais gozarán dun baile con música en directo.
As reservas poderán realizarse ata o venres a través do teléfono 620 589 396 ou acudindo ao balneario.