O Balneario de Cuntis inicia mañá venres un programa dirixido a tratar enfermidades respiratorias nos nenos
- Detalles
- Categoría: Balneario de Cuntis
- Published: Xoves, 10 Setembro 2015 11:52
- Escrito por Eva
- Visitas: 680
Axuda a diminuír o consumo de medicamentos, favorece unha boa ventilación bronco-pulmonar e evita crises de asma bronquial
Os pacientes alivian os seus síntomas ao tempo que gozan de actividades lúdicas na piscina terapéutica
O Balneario de Cuntis pon en marcha un programa dirixido a tratar enfermidades respiratorias en nenos de entre 5 e 16 anos. Consiste en combinar técnicas respiratorias realizadas coas augas mineiro-medicinais da vila cuntiense con distintas actividades de tipo lúdico. O tratamento desenvolverase dende mañá venres ata o vindeiro luns 21 de setembro.
O obxectivo deste programa é conseguir unha boa ventilación bronco-pulmonar, diminuír o consumo de medicamentos, evitar crises de asma bronquial e ofrecer aos rapaces confianza coa súa enfermidade. Un equipo de médicos e fisioterapeutas do balneario dirixen aos nenos nunha serie de exercicios respiratorios tanto dentro como fóra da piscina lúdica. Ademais, poñen á súa disposición inhaladores, aerosois de auga termal, nebulizadores e duchas nasais.
Dende o ano 2010, o Balneario de Cuntis organiza anualmente dúas campañas deste tipo, unha en primavera e outra en outono. A súa coordinadora, Eva Graña, explica que “ten moi boa acollida e adoitamos atender unha media de doce nenos por campaña”. Os enfermos, ao tempo que gozan de actividades lúdicas na piscina, “alivian significativamente os síntomas propios das súas doenzas e en algún caso diminúen o consumo de medicamentos”, segundo Graña.
O tratamento vai dirixido a pacientes con asma bronquial ou bronquiolite, fibrose quística, rino-farinxite, catarros comúns, infeccións respiratorias agudas e crónicas, obstrución nasal, alerxias respiratorias ou sinusite. Está suxeito a prescrición médica e a súa duración é de dúas horas diarias durante once días.