Arredor de 300 rapaces de entre un e quince anos participarán este domingo no XXXVI Maratón San Antón de Cuntis

A carreira, patrocinada polo Balneario de Cuntis, consta de sete categorías con distancias de ata dous kilómetros por terreo urbano 

As carreiras das categorías inferiores da trixésimo sexta edición do Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis celebraranse este domingo, día 6. Aprazadas a causa da chuvia durante a proba absoluta do pasado 23 de agosto, terán lugar a partir das 18:00 horas polas rúas da vila termal. 

O Balneario de Cuntis colabora coa Asociación Deportiva Maratón San Antón na organización desta competición na que se agarda unha participación duns 300 corredores, algúns procedentes de varios clubs da comarca. O percorrido realizarase polo centro da vila, en terreo urbano, cunha distancia mínima de 50 metros para os bebés –de 1 a 2 anos– e máxima de 2 kilómetros para os cadetes –ata quince anos–.

Alfonso Iglesias, un dos organizadores do Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis, indica que esta competición é “unha proba xa consolidada, coñecida en toda Galicia e que mantén anualmente a alta participación”. Para Iglesias, ademais, as carreiras das categorías inferiores son “as máis divertidas porque amosan o esforzo e compromiso dos máis pequenos no deporte e a implicación dos seus familiares”. 

As inscricións poderán realizarse a través da páxina web http://maratonsananton.org/ ou o mesmo día do evento, unha hora antes de comezar as competicións. Todos os participantes recibirán agasallos do Balneario de Cuntis e os primeiros clasificados faranse, ademais, con figuriñas e bandexas de prata. A entrega de premios está prevista para as 19:30 horas.