Máis de medio milleiro de persoas correrán este domingo polas rúas de Cuntis no XXXVI Maratón San Antón
- Detalles
- Categoría: Balneario de Cuntis
- Published: Venres, 21 Agosto 2015 11:48
- Escrito por Eva
- Visitas: 622
Profesionais e afeccionados de toda Galicia, León, Asturias e Portugal competirán nunha proba de 10 km, patrocinada polo Balneario de Cuntis
Esta carreira segue a manter a alta participación e está considerada unha das citas deportivas máis populares
A trixésimo sexta edición do Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis, que se celebra este domingo, día 23, rexistrou preto de cincocentos participantes. Máis da metade pertencen ás categorías inferiores e o resto á categoría absoluta –de xuvenís en adiante–. Con todo, agárdase que, coma nas pasadas edicións, o propio día da proba se incremente un vinte por cento o número de corredores.
O Balneario de Cuntis colabora coa Asociación Deportiva Maratón San Antón na organización desta competición que “mantén anualmente a alta participación e está considerada unha das carreiras máis populares de Galicia”, segundo indica Alfonso Iglesias, un dos organizadores. Iglesias explica que asistirán corredores afeccionados e profesionais, moitos deles chegados de clubs de Vigo, A Coruña ou Ferrol.
A diferenza do ano pasado, ás 11:00 horas está previsto que comece a carreira absoluta, un percorrido de 10 kilómetros que se desenvolverá dende as inmediacións do Balneario de Cuntis, pasando polo casco vello e as aldeas próximas ou a contorna do paseo fluvial. Sobre as 13:30 horas está prevista a entrega de trofeos e, pola tarde, ás 18:00 horas, sairán as categorías máis pequenas. Cara as 19:30 horas repartiranse os galardóns, que suman en total 160 trofeos de prata.
No Maratón San Antón renderáselle homenaxe a Xulián Bernal, atleta que comezou a correr a unha idade avanzada e figura incondicional desta cita deportiva cuntiense. Dende o seu pasamento, no ano 2010, unha categoría distinta recibe un trofeo co seu nome. Nesta edición serán os primeiros clasificados dos “promesas” quen leven para a casa o recordo dun deportista moi apreciado polos veciños de Cuntis.
Cortes de tráfico e restricións de aparcamento
Durante a celebración do XXXVI Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis quedará cortado o tráfico no casco histórico da vila dende primeira hora do domingo. Ademais estará prohibido estacionar dende as 22:00 horas do sábado.