O Balneario de Cuntis colabora un ano máis na organización do Maratón San Antón, que se celebrará o domingo-23

A proba, de ata 10 km e catorce categorías, congregará máis de medio milleiro de corredores profesionais e afeccionados de toda Galicia, León, Asturias e Portugal

As inscricións poden realizarse a través da web www.maratonsananton.org ou no teléfono 986 53 22 03

O Balneario de Cuntis colabora na organización da trixésimo sexta edición do Maratón San Antón, que terá lugar o domingo día 23 pola contorna da vila termal. Dende a Asociación Deportiva Maratón San Antón agardan superar o medio milleiro de persoas, que se distribuirán en catorce categorías masculinas e femininas. 

As inmediacións do Balneario de Cuntis serán o punto de saída e chegada das carreiras. A partir das 11:00 horas comezarán a disputarse as competicións das categorías superiores –de xuvenís en adiante–. Os atletas percorrerán un total de 10 kilómetros tanto polo casco vello de Cuntis como polas aldeas próximas ou a contorna do paseo fluvial. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, serán as carreiras dos máis pequenos e ao remate destas entregaranse ata 160 trofeos aos cinco primeiros clasificados. 

Alfonso Iglesias, membro da organización, asegura que virán corredores profesionais e afeccionados de toda Galicia e mesmo de León, Asturias e Portugal. Iglesias explica que a celebración deste evento naceu como complemento das festas patronais cuntienses, hai 36 anos. Agora recoñece que é moi coñecida en toda Galicia e favorece a chegada de visitantes á vila que “veñen a pasa-lo ben, atópanse nun sitio agradable con xente acolledora e nunca se van coas mans baleiras”, admite. 

As inscricións poden realizarse a través da web www.maratonsananton.org ou no teléfono 986 53 22 03. O prazo pecharase o vindeiro xoves día 20.

Sexto homenaxe á memoria de Xulián Bernal 

Xulián Bernal foi un atleta que comezou a correr a unha idade avanzada e anualmente competía no Maratón San Antón de Cuntis. Dende o seu pasamento, no ano 2010, a organización desta cita deportiva decidiu entregar cada ano un trofeo co seu nome a cada categoría e nesta edición serán os primeiros clasificados dos “promesas” quen leven para a casa o recordo dun deportista moi apreciado polos veciños de Cuntis.