O Balneario de Cuntis estrea dúas novas cabinas para tratar enfermidades respiratorias e dermatolóxicas

Os pacientes poden gozar da haloterapia nun ambiente mariño ou relaxarse en colchóns de auga baixo un ceo de estrelas

A coordinadora do balneario, Eva Graña, indica que preveñen o malestar nas articulacións, combaten o estrés, a fatiga e problemas cardiovasculares

O Balneario de Cuntis estreou recentemente dúas novas cabinas dirixidas a persoas que padecen algún tipo de patoloxía dermatolóxica, respiratoria ou do sistema nervioso. Indicadas para os maiores de sete anos, o uso destas instalacións está suxeito a prescrición médica e axudan a completar o tratamento termal.

Unha delas é a cabina de sal, coa que se aplica a técnica da haloterapia. Este tratamento consiste en empregar auga salgada pulverizada creando un ambiente húmido, beneficioso para purificar a pel e as vías respiratorias. Ademais produce ións negativos, que contribúen á relaxación e aumentan a sensación de benestar no paciente.

A coordinadora do Balneario de Cuntis, Eva Graña, explica que ao longo da historia a auga salgada empregouse con múltiples fins curativos. Segundo Graña, este novo servizo anima ao usuario a “introducirse nun ambiente mariño gozando dun auténtico baño de mar, ao tempo que se beneficia das vantaxes terapéuticas do sal, que prevé o malestar nas articulacións, combate o estrés, a fatiga e problemas cardiovasculares”.

Por outro lado, a cabina zen experience dispón de colchóns de auga situados baixo un ceo cuberto de estrelas, con música agradable, que crean un ambiente cálido de completa harmonía e convidan ao relax. Ademais, pódese saborear unha bebida acorde ao tratamento empregado -vinoterapia, cereixaterapia, ou chocolaterapia- e recibir masaxes con pedras quentes ou cañas de bambú.