Un total de 120 persoas celebrarán mañá sábado o corenta aniversario do Atlético de Cuntis cun xantar no Balneario de Cuntis

Asistirán o presidente do club deportivo, Francisco Fontenla, o titular da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e o alcalde da vila termal, Manuel Campos

O Atlético de Cuntis CF celebra mañá sábado o seu corenta aniversario cun xantar no Balneario de Cuntis. A cita será unha oportunidade para que xogadores, directivos e afeccionados se reúnan e compartan os seus intereses acerca deste deporte. Entre os 120 asistentes estarán o presidente do club deportivo, Francisco Fontenla, o titular da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e o alcalde da vila termal, Manuel Campos.

A xuntanza arrancará ás 12:00 horas na casa da cultura –praza das Árbores–, onde Francisco Fontenla dará á benvida aos presentes e realizará un repaso pola historia do club. De seguido, poderán visitar unha exposición con fotografías, recortes de prensa, fichas de xogadores e outros materiais históricos do equipo. A partir das 13:30 horas compartirán anécdotas e vivencias cos máis veteranos mentres percorren a localidade e cara as 14:15 horas servirase un aperitivo na carpa “O xardín das termas” do hotel balneario, onde tamén terá lugar, ás 15:00 horas, o xantar. 

O Atlético de Cuntis CF naceu exactamente no verán de 1973, da man dun grupo de amigos liderado por Manuel Eiras “Lelo”. Comezou sendo un equipo moi modesto formado só por veciños ao que se lles foi sumando xogadores dos concellos próximos. Actualmente xogan en segunda rexional e conta cuns 200 socios. Ignacio Romar, un dos primeiros xogadores do equipo, que ademais foi adestrador e directivo, comenta que a intención desta xuntanza é “reunir ao cadro actual con veteranos para intercambiar lembranzas e estreitar lazos entre os distintos xogadores”.