O Atlético de Cuntis celebra o sábado-20 o seu corenta aniversario cun xantar no Balneario de Cuntis

Ignacio Romar, un histórico do club, agarda congregar unhas 200 persoas e indica que a intención é “reunir ao cadro actual con veteranos para intercambiar lembranzas e estreitar lazos entre os distintos xogadores”

O Atlético de Cuntis CF celebra o vindeiro sábado, día 20, o seu corenta aniversario cun xantar no Balneario de Cuntis. A cita será unha oportunidade para que xogadores, directivos e afeccionados se reúnan e compartan os seus intereses acerca deste deporte. O alcalde da vila termal, Antonio Pena, ou o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, están convidados a un acto que contará coa asistencia dunhas 200 persoas. 

O Atlético de Cuntis CF naceu exactamente no verán de 1973, da man dun grupo de amigos liderado por Manuel Eiras “Lelo”. Comezou sendo un equipo moi modesto formado só por veciños ao que se lles foi sumando xogadores dos concellos próximos. Actualmente xogan en segunda rexional e conta cuns 200 socios. Ignacio Romar, un dos primeiros xogadores do equipo, que ademais foi adestrador e directivo, comenta que a intención desta xuntanza é “reunir ao cadro actual con veteranos para intercambiar lembranzas e estreitar lazos entre os distintos xogadores”.

Para o sábado, membros do club cuntiense programaron un completo programa de actividades que arrancará ás 12:00 horas cun acto de benvida na casa da cultura –praza das Árbores–, onde os asistentes poderán visitar a exposición de fotografías, recortes de prensa, fichas de xogadores e outros materiais históricos do club. De seguido coñecerán anécdotas e compartirán vivencias cos máis veteranos mentres percorren a localidade. Cara as 14:15 horas servirase un aperitivo na carpa “O xardín das termas” do hotel balneario, onde terá lugar ás 15:00 horas o xantar. 

As persoas interesadas en acudir a esta xuntanza deberán comunicalo antes do martes-16 a través do enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando aos teléfonos 647 758 750 e 699 906 436. O prezo da comida é de 25 euros e o pago abonarase nas contas: ES43-0081-2123-3100-0601-0007 (Banco Sabadell-Gallego) e ES65-2080-5029-1430-4000-3409 (Abanca). Os asistentes recibirán un agasallo da organización.