O Balneario de Cuntis patrocina unha temporada máis ao equipo de rally Mieres Competición

José Manuel Pazos, campión galego da Copa Driver en 2007, agradece o apoio e recoñece que sen el non podería competir

Está a prepararse para o Rally Sur do Condado, que se celebrará en Salvaterra de Miño os días 11 e 12 de xullo

O Balneario de Cuntis volve dar o seu apoio unha temporada máis ao equipo de rally Mieres Competición. Un dos pilotos desta escudaría formada por dez amantes da velocidade é o local José Manuel Pazos, quen recoñece que esta disciplina é “carísima” e sen o apoio dos patrocinadores non poderían competir. 

Pazos leva vinte anos dedicado ao deporte das catro rodas. Foi campión galego da Copa Driver en 2007 e dez anos antes proclamouse vencedor na modalidade Karting Junior. Ao volante dun Peugeut 206 compite no Campionato Galego de Rallys. 

O corredor cuntiense deixa entrever que a figura do piloto está un pouco sobrevalorada en detrimento do copiloto. “En xeral, a xente só aprecia a velocidade que leva o condutor pero descoñece que o copiloto ten que saber máis, coñecer ben os límites, o ritmo e os tempos con toda precisión”, indica. Para Pazos “o mérito nunha carreira “é máis do copiloto e do equipo de asistencia –que prepara o coche en poucos minutos– ca do piloto, no que conta máis a valentía de pisar o acelerador”, sinala. 

O Balneario de Cuntis apoia todo o que pode o desenvolvemento da economía local e con especial incidencia as actividades deportivas e culturais. Decidiu prestar o seu respaldo a este equipo para que poida afrontar con máis facilidade os gastos derivados desta práctica deportiva. 

A próxima cita para o conxunto Mieres Competición será o Rally Sur do Condado, que se celebrará en Salvaterra de Miño os días 11 e 12 de xullo.