Preto de 200 termalistas de toda España reciben tratamentos en Cuntis

Colectivos como a ONCE, Imserso ou Cocemfe escollen o balneario para mellorar a súa calidade de vida

Preto de 200 persoas dos colectivos ONCE, Imserso e Cocemfe escolleron esta semana o Balneario de Cuntis para recibir tratamentos termais. Chegados de distintos puntos da xeografía española gozarán ata o vindeiro 14 de maio dunha programación personalizada da man de persoal médico especializado. 

Na tarde do luns un grupo de corenta termalistas achegáronse a Santiago e nos seguintes días coñecerán, ademais, a ría de Pontevedra e os encantos da vila cuntiense. Manualidades, ximnasia ou obradoiros de memoria completan as súas actividades diarias. 

No Balneario de Cuntis as persoas con algún tipo de discapacidade dispoñen de instalacións adaptadas e algunhas das terapias que reciben inclúen técnicas de hidroterapia, masaxes e exercicios dirixidos por un monitor nas piscinas e no Acquaform. As augas minero-medicinais resultan moi beneficiosas para as súas patoloxías e fan que mellore a súa calidade de vida.