Cuntis será o punto de partida, o martes 12, dunha proba mundial de raid de aventura que rematará na praza do Obradoiro de Santiago

Esta disciplina combina o trekking, a bicicleta de montaña, o kayak, o barranquismo e a orientación

A presentación desta cita deportiva tivo lugar hoxe luns no balneario cuntiense 

Asistiron o secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o alcalde Cuntis, Antonio Pena, a deputada provincial de Deportes, Begoña Estévez, o director técnico do equipo organizador, Pablo López, e o presidente da Federación Galega de Orientación, Alberto Arufe

O Balneario de Cuntis acolleu hoxe a presentación da Raid Gallaecia Expedition Race 2015, unha das nove probas das series mundiais desta disciplina que combina  o trekking, a bicicleta de montaña, o kayak, o barranquismo e a orientación. Ao acto, organizado polo Club Gallaecia Raid, asistiron o secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o alcalde Cuntis, Antonio Pena, a deputada provincial de Deportes, Begoña Estévez, o director técnico do equipo organizador, Pablo López, e o presidente da Federación Galega de Orientación, Alberto Arufe.

Ata 23 equipos de doce nacionalidades distintas –5 deles galegos– percorrerán unha quincena de concellos de Pontevedra e A Coruña, sumando 515 quilómetros. Cada un dos conxuntos deberá ser mixto e non poderá superar os catro participantes. Guiados tan só cun mapa e un compás terán que localizar unha serie de puntos estratéxicos para poder continuar o seu itinerario. 

Esta práctica realízase practicamente sen descanso e na modalidade de autosuficiencia –os corredores cargarán a súa mochila cos elementos necesarios para completar o percorrido–. O secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, indicou que se trata dun deporte que conxuga “intelixencia, resistencia e unha alta capacidade de análise, que require un 50% de preparación física, un 30% de preparación mental e un 20% de orientación”. 

Desde o equipo organizador, Pablo López, explicou que será a primeira vez que Galicia acolla esta cita deportiva “que conseguirá atraer unha alta participación e vender a nosa terra a todo o mundo”. A deputada provincial de Deportes, Begoña Estévez, tamén afirmou que con esta competición “amosamos o noso atractivo turístico, potenciamos o deporte e damos conta da gran capacidade para organizar eventos de semellante envergadura”. 

Desde Cuntis ata Santiago de Compostela

A localidade pontevedresa de Cuntis será o punto de partida desta proba que arrancará o vindeiro martes 12 de maio. E o venres 15 está prevista a chegada dos primeiros participantes á praza do Obradoiro de Santiago. Nova Zelandia e Chile acolleron as dúas primeiras probas das series mundiais deste ano, e Sudáfrica e Alaska serán os países onde se desenvolverán as próximas expedicións. 

O rexedor local, Antonio Pena, destacou que Cuntis será o “epicentro mundial desta proba que terá unha importante proxección e a través da que temos moito que ensinar”. Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Orientación, Alberto Arufe, adiantou que “o éxito está garantizado”.

O Balneario de Cuntis é o patrocinador do Club Gallaecia Raid, fundado no ano 2005 e que organiza por primeira vez este campionato a nivel mundial. Repartiranse un total de 6.000 euros entre os tres primeiros clasificados e trofeos elaborados pola fundación local Terra Termarum Castrolandín.