Trinta obras da pintora Berta Lima enchen de cor o Balneario de Cuntis

A colección combina estampas idílicas con desastres naturais e nela predominan a auga, a terra, o ceo e o lume 

“Son moi espontánea á hora de pintar, tamén construtiva e destrutiva coa miña propia obra”

A cafetería do Hotel La Virgen do Balneario de Cuntis expón ata o vindeiro 20 de maio unha colección de trinta pinturas de Berta Lima. Baixo o título de “El arte de ver”, a artista, natural de Sanxenxo, plasma nos seus lenzos multitude de paisaxes da xeografía galega. 

A paixón desta mestra xubilada pola pintura remóntase aos anos da súa xuventude pero durante décadas outorgou prioridade a desenvolver a súa carreira profesional e a atender á súa familia. Non foi ata que se retirou da ensinanza cando se entregou “de cheo” a esta arte. Comezou a expoñer hai só un ano pero a súa colección acada o medio cento de obras. 

Os elementos da natureza compoñen a maior parte da súa mostra: “encántanme os ceos, a auga, a terra e o lume”, agrega. A pintora, que emprega óleo e acrílicos, inclínase sobre todo polas cores intensas. Recoñece ser moi espontánea pintando, realizar cadros simultáneos e construír e destruír constantemente a súa propia obra, na que podemos atopar dende estampas idílicas ata desastres naturais. 

“Agora estou intentando abrir a miña idea de pintar. Sempre fun impresionista, pintaba aquilo que vía, pero agora tendo ao post-impresionismo, combino a paisaxe cos meus sentimentos. Poderíase dicir que comezo unha nova etapa na pintura na madurez da miña vida”, explica Lima. 

O seu propósito é continuar invertendo o seu tempo nesta paixón e “dar o salto fóra de Galicia”, xa que ata agora só expuxo na provincia de Pontevedra. O prezo das súas obras oscila dos 250 aos 600 euros.