O Balneario de Cuntis acolle unha exposición de modelismo naval composta por dezasete pezas de madeira
- Detalles
- Categoría: Balneario de Cuntis
- Published: Venres, 13 Marzo 2015 10:07
- Escrito por Eva
- Visitas: 508
O artesán vigués José Luis Loureiro constrúe réplicas de bateeiros, barcos de guerra, pesqueiros ou galeóns
“É un traballo moi complexo pero é algo que me entusiasma e moitas veces perdo a noción do tempo”
A cafetería do Hotel La Virgen do Balneario de Cuntis inaugurou esta semana unha exposición de modelismo naval que se poderá visitar durante todo o mes de marzo. A colección está composta por dezasete pezas fabricadas polo vigués José Luis Loureiro.
Este polifacético artesán aprendeu de seu pai -que era carpinteiro- a arte de traballar coa madeira. Malia que na actualidade é cociñeiro de profesión, dedica gran parte do seu tempo libre á construción de pequenas embarcacións e ao longo dos últimos seis anos recreou máis de medio cento de unidades de diferentes tipoloxías.
Fabricar unha embarcación pode supoñerlle máis dun mes de traballo e o proceso comeza coa construción da quilla a partir duns patróns que el mesmo debuxa. Despois, en función das características do barco, dálle a altura correspondente e incorpora os elementos funcionais e ornamentais.
O material que utiliza é, sobre todo, madeira -de sapeli fundamentalmente-. “É un traballo complexo, porque teño que lixar, tratar, pintar e adecuar cada unha das partes do navío, ademais de coser as telas e os cordeis para as velas”, explica Loureiro. “Con todo, é algo que me entusiasma e moitas veces perdo a noción do tempo”, agrega.
Buques de guerra, bateeiros, pesqueiros ou galeóns conforman a súa colección, na que destaca un navío de preto de dous metros de eslora e uns cinco quilos de peso. A mostra supón un grande atractivo para os termalistas. “Nos catro días que leva exposta xa recibín varias propostas de compra”, sinala Loureiro. O prezo de cada unidade oscila entre os 400 e os 600 euros.