Un Papá Noel do Balneario de Cuntis visitou hoxe a escola infantil do Hospital Clínico de Santiago para agasallar os nenos con libros dos Bolechas

A empresa termal está a repartir arredor de 1.500 exemplares da publicación dos televisivos personaxes polos centros educativos da provincia de Pontevedra

O Balneario de Cuntis reparte estes días arredor de 1.500 exemplares do libro “Os Bolechas van ao Balneario de Cuntis” por preto de catrocentos centros da provincia de Pontevedra, entre colexios, bibliotecas e aulas socioculturais. Esta mañá tamén visitaron a Escola Infantil do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que dirixe Ruth Gómez, coa presenza dun Papá Noel que fixo sorrir ás nenas e nenos hospitalizados, ao tempo que lles entregaba os agasallos como anticipo do Nadal.

O libro, creado polo debuxante e humorista gráfico Pepe Carreiro, narra as aventuras dos Bolechas cando acoden ao Balneario de Cuntis cos seus avós. Alí, mentres Sonia batalla contra un molesto catarro, os Bolechas proban diferentes tratamentos para mellorar a súa saúde, mostrando aos lectores o valor das augas termais.

Esta familia de personaxes animados é moi querida polos máis pequenos grazas ao seu programa na Televisión de Galicia e á súa colección de contos de carácter lúdico e didáctico, con máis de trescentos títulos que abranguen distintas áreas e situacións da aprendizaxe infantil.