Unha vintena de persoas con diversas discapacidades benefíciase da calidade das augas no Balneario de Cuntis

Membros do colectivo Avanzar gozan das terapias acuáticas durante esta semana

A súa presidenta,  Mª Jesús Maquieira, asegura que lles facilita a relaxación, mellora a súa circulación e axúdaos a descansar

O Balneario de Cuntis acolle estes días a visita de membros de Avanzar, a Asociación de Persoas Discapacitadas do Umia-Ulla. Son un grupo de 22 socios que sofre algún tipo de discapacidade física ou intelectual e que durante esta semana participan nun programa de mantemento de saúde financiado pola Deputación de Pontevedra e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

Acompañados por monitores gozan do circuíto termal Acquaform, das saunas ou dos jacuzzis. A presidenta de Avanzar, María Jesús Maquieira, asegura que as actividades que realizan “facilitan a relaxación, melloran a nosa circulación e respiración e axúdanos a descansar”. 

Son persoas de todas as idades procedentes de Moraña, Caldas de Reis e Cuntis, que padecen patoloxías como o síndrome de Down ou o ictus cerebral e estas saídas aumentan a súa calidade de vida. Xa en febreiro visitaron o balneario e intentan acudir, cando menos, unha vez ao ano. A entidade creouse en 2008 na comarca de Cangas e actualmente conta cuns oitenta socios.