Unha vintena de obras da pintora ourensá Mónica Mon decoran o Balneario de Cuntis

Optimismo e enerxía caracterizan unha colección de pinturas inspirada nas súas viaxes por todo o mundo 

“Ter viaxado tanto permitiume aprender a construír as miñas propias obras con tecidos que non se atopan en España”

A cafetería do Hotel La Virgen do Balneario de Cuntis expón durante todo o mes de novembro unha exposición de vinte pinturas da ourensá Mónica Mon. Baixo o título de Memorias de la India, a artista plasma nos seus lenzos a esencia e as súas experiencias vividas no país hindú. Esta colección foi o seu recente debut como pintora e en pouco máis de catro meses vendeu a metade do proxecto.

Logo de traballar moitos anos de estilista e deseñadora de moda, Mónica Mon sempre estivo vinculada ao mundo da cor, ao ámbito artístico e á creatividade. Por motivos laborais tivo a oportunidade de viaxar por todo o mundo e iso enriqueceu a súa vea artística convertendo a pintura no seu vehículo de expresión e nun modo de vida. “Aínda que foi un risco estrearme con esta colección sobre a cultura hindú, por sorte, está tendo moito éxito e ao día seguinte de inaugurar en Cuntis xa vendín a miña primeira obra”, -destaca. 

Os mandalas, a vexetación, a familia ou os animais sagrados están moi presentes nesta mostra chea de colorido coa que a artista quere transmitir optimismo e boas vibracións. Crear un cadro pode levarlle uns tres meses de traballo e recoñece que sente moita mágoa cando ten que desprenderse del porque “para min son como un fillo”, -indica. 

Emprega, sobre todo, o pastel e o óleo, aínda que tamén combina as técnicas mixtas que lle permiten acadar “un resultado moi persoal”. A tea, o papel e a madeira son algúns dos soportes que utiliza e presume de fabricar moitos lenzos de maneira artesanal con tecidos que importa de diferentes países. “Ter viaxado tanto permitiume aprender a construír eu mesma e dende cero as miñas propias obras con materiais de moita calidade que non se atopan facilmente en España”. Asegura que o feito de empregar teas exclusivas axuda a que súa obra sexa recoñecible: “Quero facelo parte do meu selo”.  

Os obxectivos a curto prazo para Mónica Mon son continuar cunha segunda parte do proxecto Memorias de la India e facer realidade unha colección costumista sobre a figura da muller labrega en Galicia coa que quere reflectir as súas orixes e boa parte da súa vida.