O etnopintor ourensán Abel Barandela expón a súa colección de pinturas no Balneario de Cuntis

“Recentemente visitei Madrid con esta mostra onde me trataron coma unha auténtica estrela do rock”

As cores vivas e os costumes galegos caracterizan as súas obras que poden verse este mes na cafetería do hotel

A cafetería do Hotel La Virgen do Balneario de Cuntis expón durante todo o mes de outubro unha exposición dunhas trinta pinturas do ourensán Abel Barandela. Baixo o título de Luces, costumbres y vino tinto, o artista manifesta a súa maneira de entender Galicia por medio de tres vías estilísticas distintas.

A colección Luces antepón as cores fronte as formas ofrecendo como resultado unhas pezas de carácter optimista e de libre interpretación onde se amosan todo tipo de paisaxes naturais. En Costumbres recupera as tradicións e os hábitos de vida do rural galego, e a través de Vino tinto emprega esta bebida como técnica que lle permite acadar unha ampla tonalidade de sepias. “Para garantir a durabilidade da obra teño que mesturar o pouso do viño con acrílico, goma laca e látex”, precisa o artista.

Barandela, que emprega sobre todo viño Barrantes, presume de ser un dos poucos etnopintores de Europa aínda que recoñece que esta técnica só representa o 20% da súa obra. Dende pequeno sempre estivo vinculado ás artes plásticas e tivo ocasión de formarse en diferentes escolas. A idea de pintar con viño tinto xurdiu por casualidade: “nunha cea entre amigos convertín as manchas no mantel en debuxos e a partir de aí comecei a experimentar combinando con outros materiais”.

As súas mostras percorreron distintos países e en 2013 foi nomeado Valedor dos Viños Tintos do Salnés, polo Concello de Ribadumia. Con todo, asegura que é difícil vivir desta arte porque “os materiais son moi custosos, tes que dedicarlle moitas horas e pelexar para buscar unha sala onde expoñer”. Luces, costumbres y vino tinto visitou recentemente a Casa de Galicia en Madrid, lugar onde foi acollido “coma unha auténtica estrela do rock”.

En Cuntis agarda vender algún traballo cuxo prezo oscila dende os 150 aos 900 euros. “A miña obra é low cost, non me considero unha eminencia para que me paguen 5.000 euros por un cadro”.