Novo éxito do Maratón de Cuntis, coa destacada colaboración do balneario da localidade

732 participantes encheron rúas e prazas nunha tarde festiva e sen incidencias

Na carreira popular, celebrada onte domingo na vila termal, entregáronse 170 premios distribuídos en catorce categorías

Isabel Sáez Batallán, con 44’ 56”, gañou a proba absoluta feminina e Elías Salvador Domínguez, con 34’ 02”, a masculina

O Balneario de Cuntis colaborou co Concello na trixésimo quinta edición do Maratón San Antón. A proba, organizada polo Club de Atletismo cuntiense tivo lugar este domingo pola contorna da vila termal e reuniu un total de 732 participantes, tanto profesionais coma afeccionados, que se distribuíron nas catorce categorías establecidas. Os primeiros clasificados recibiron cadanseus trofeos e o balneario, máximo patrocinador do evento, repartiu numerosos galardóns a tódolos participantes.

As carreiras deron comezo preto das seis da tarde dende a rúa A Presiña onde os  bebés de entre 0 e 2 anos percorreron un total de 50 metros. A distancia e a idade dos participantes irían en aumento ata acadar os 10 kilómetros esixidos na proba absoluta, que comprende idades superiores aos 15 anos. Na sección feminina, Isabel Sáez Batallán, do Club de Atletismo de A Estrada, rexistrou un tempo de 44’ 56” liderando o primeiro posto mentres que Elías Salvador Domínguez, do New Balance Team, obtivo unha marca de 34’ 02”. A atleta do club local, Carmen Fuentes Castro, con 46’ 28” rematou terceira e Manuel Vieites Carballo, con 35’ 28”, foi quinto na proba.

Alfonso Iglesias, un dos organizadores da carreira, sinala que “o evento está marcado no calendario dos profesionais deste deporte que acoden de clubs de toda Galicia e mesmo de Asturias, Euskadi, Madrid ou Portugal”. Con todo, non queren perder o carácter popular desta tradicional cita, grazas á cal naceu o Club de Atletismo cuntiense. A finalidade da carreira segue a ser a mesma que a de 1979: “fomentar o deporte entre os veciños ademais de atraer a numerosos visitantes á vila termal” -sinala Iglesias, quen destaca que despois dun mes enteiro de festas patronais “este maratón serve para continuar atraendo xente a Cuntis, polo menos, durante o verán”. Deste xeito, lograron congregar a máis de 2.000 persoas.