Uns 500 ciclistas participarán este domingo na IV Ruta BTT do Club de Montaña Xesteiras de Cuntis

O Balneario da vila e o Concello colaboran na organización dun percorrido de 36 km de dificultade media-alta

O club ciclista, coordinador da proba, estreará equipamento patrocinado polo centro termal 

O Balneario de Cuntis colabora co Concello na cuarta edición da ruta en bicicleta de montaña que terá lugar este domingo. O Club de Montaña Xesteiras é o responsable técnico desta marcha social –sen carácter competitivo– na que xa se inscribiron unhas 500 persoas. “Veñen de toda Galicia e mesmo de León, Zaragoza ou Logroño”, indica o tesoureiro do club Jorge Abal, quen explica que o éxito de participación “pode deberse ao espectacular boom que actualmente está vivindo a bici de montaña”.

O percorrido nesta ocasión estenderase ao longo de 36 quilómetros cunha dificultade física e técnica media-alta. Tamén haberá unha ruta máis curta de 32 quilómetros e outra de sendeirismo de 14 quilómetros. O punto de partida será a Praza das Árbores dende onde os participantes emprenderán –ás 9:30 horas– unha marcha que posteriormente realizarán por camiños rurais ata chegar novamente ao centro da vila.

A finalidade desta cita é, segundo Abal, “reunir xente que comparta a mesma afección e gozar dunha xornada agradable practicando deporte e fomentando o turismo rural en Cuntis”.

O Club de Montaña Xesteiras estrea equipamento 

A ruta coincidirá coa estrea do novo equipamento que vestirán os membros do Club Xesteiras, patrocinado, entre outros, polo Balneario de Cuntis. Ademais, o centro fai achegas económicas e materiais para sorteos e mesmo descontos no seu circuíto termal para os deportistas participantes. Para Jorge Abal, este patrocinio “é moi importante porque nos permite facer novas actividades deportivas en Cuntis, unha maneira de dar a coñecer a vila animando a que veñan visitantes de toda Galicia”.