Fademga elixe o Balneario de Cuntis para realizar o seu programa de respiro familiar
- Detalles
- Categoría: Balneario de Cuntis
- Published: Luns, 04 Agosto 2014 10:35
- Escrito por Eva
- Visitas: 653
Unha decena de persoas con discapacidade intelectual gozan de catro xornadas lúdicas no entorno da vila termal cuntiense
O Balneario de Cuntis acolle estes días un grupo de dez persoas que sofren algún tipo de discapacidade intelectual. Dende o pasado mércores e ata mañá, domingo, gozarán das instalacións termais e da contorna da vila grazas ao programa de respiro familiar de Fademga, Federación de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia.
Patricia Cruz, coordinadora deste grupo formado por persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 40 anos, explica que este servizo ten como obxectivo “facilitar uns días de descanso ás familias de membros con discapacidade intelectual e facer que eles mesmos gocen dun verán dinámico”. Por este motivo, o seu programa inclúe paseos polos arredores da vila, excursións a concellos veciños ou actividades acuáticas nas piscinas do hotel.
Na tarde do venres, no circuíto termal Acquaform e acompañados por monitores puideron relaxarse ou realizar exercicios terapéuticos coas augas minero-medicinais cuntienses.