Pintores afeccionados no Balneario de Cuntis

A cafetería do hotel acolle durante todo o mes de xullo unha ducia de pinturas sobre a vila termal 

Dous dos autores destacan o alto nivel destas obras que plasman a natureza e a arquitectura 

A cafetería do Hotel La Virgen do Balneario de Cuntis expón durante o mes de xullo unha mostra pictórica de doce obras sobre a vila termal, realizadas con acuarela e acrílico, fundamentalmente. O pasado 17 de maio Cuntis celebrou o primeiro certame de pintura rápida ao aire libre que congregou un total de 34 pintores chegados de toda Galicia e mesmo de Euskadi e Portugal. Dende as 11:00 ás 18:00 horas os artistas recrearon nas súas obras os recunchos máis emblemáticos da vila. O segundo premio do concurso, valorado en 700 euros, foi outorgado polo Balneario de Cuntis que agora acolle nas súas instalacións unha ducia destas obras. 

Javier Barreiro, un dos impulsores de levar esta iniciativa ao hotel, sinala que “a mostra combina á perfección a cultura e o turismo e pretende achegar aos visitantes o encanto desta vila pintoresca”. Ademais, as pezas están á venda por un prezo que oscila entre os 150 e os 600 euros, unha cifra que, segundo Barreiro, “dálle ao cadro o valor que merece”. 

Ana Belén Rey, veciña de Cuntis, participou por primeira vez nun certame no que pasou ata seis horas pintando, e aínda que non se considera unha profesional da pintura, recentemente comezou a tomar esta arte máis en serio. No seu cadro, A Ponte, plasmou sobre o lenzo a instantánea do río ao seu paso polo hotel porque para ela “a natureza é fundamental e tiña claro que quería reflectilo na obra. Ademais, Cuntis é unha vila de auga e para min o río é o máis importante”. 

Pola contra, Sergio Ribeiro, pintor autodidacta que percorre habitualmente numerosos concursos por toda a xeografía española, preferiu recoller no seu cadro a estrutura do balneario porque foi o que decidiu naquel preciso momento. “Gústame a espontaneidade, o natural”, -sinala- e recoñece que mentres pinta esquece todo o demais, “mesmo a fame ou a dor”.

Ámbolos dous coinciden na “boa participación e o altísimo nivel” que acadou a primeira edición deste concurso ao que agardan volver presentarse o ano que vén. Con esta exposición, ademais de poñer á venda as súas obras, aspiran a gañar un maior recoñecemento artístico.