O Balneario de Cuntis patrocina o primeiro Torneo de fútbol-8 que terá lugar esta fin de semana no campo municipal de A Ran

Un milleiro de persoas visitarán a vila cuntiense o sábado e o domingo 

32 equipos galegos e 480 nenos participarán nesta actividade deportiva 

O Balneario de Cuntis patrocina o I Torneo de Fútbol 8 Termas de Cuntis que se celebrará os próximos sábado-28 e domingo-29 no campo municipal de A Ran. Acudirán un total de 480 nenos pertencentes a 32 equipos galegos de prebenxamíns, benxamíns e alevíns.

A cita, organizada polo Club Atlético de Cuntis, persegue “promover o deporte, potenciar a convivencia entre os pequenos futbolistas de toda Galicia ao remate da temporada e fomentar o compañeirismo”. Así o indica Fran Fontenla, -Choco-, o coordinador desta actividade e recentemente elixido presidente da entidade deportiva. Deste xeito, as categorías inferiores de clubs deportivos chegados dende vilas como Caldas, Dena Silleda, Lalín, Oroso, Catoira ou Lira (Carnota) disputarán diferentes partidos que se celebrarán dende as 9:30 ás 20:00 horas. Unha vez concluídos, os primeiros clasificados recibirán os seus trofeos e todos os participantes obterán unha medalla. 

Fontenla asegura que este evento é “un importante reclamo de visitantes para a vila e un recoñecemento para o propio Club por ser a primeira iniciativa deste tipo que organiza”. Esperan superar o milleiro de persoas e o presidente xa adianta a súa continuidade de cara ao ano que vén. 

O torneo, de entrada gratuíta, acollerá unha zona de xogos e actividades para os máis pequenos. Conta tamén co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración de diversos establecementos hostaleiros do entorno.