O Balneario de Cuntis acolle mañá venres unha charla sobre persoas con discapacidade impartida pola presidenta do colectivo Avanzar, Mª Jesús Maquieira

Desde os 18 anos viuse obrigada a facer fronte a reaccións crueis, superar discriminacións e tivo que planear a súa vida dende outro punto de vista: “Aínda que todos somos diferentes, temos dereito a vivir en igualdade de condicións. É inxusto que alguén teña que vivir con 300 €”

O Balneario de Cuntis acolle mañá venres, 6 de xuño, ás 17:30 horas, unha charla sobre discapacidade e igualdade impartida pola presidenta de Avanzar, a Asociación de Persoas Discapacitadas do Umia-Ulla. María Jesús Maquieira padece acondroplasia, un trastorno xenético relacionado co enanismo e que afecta ao seu crecemento óseo. Maquieira falará desta enfermidade que padece de nacemento e dará a coñecer outros tipos de discapacidades existentes: físicas, intelectuais ou sensoriais. 

 Na sesión de mañá quere poñer como exemplo o seu propio caso para amosar que “aínda que todos somos diferentes, temos dereito a vivir en igualdade de condicións”. Defende que o feito de que unha persoa padeza algún tipo de impedimento físico ou psicolóxico non é un pretexto para apartalo do resto da sociedade. Para ela, as Nacións Unidas levan traballando moito a prol de mellorar os dereitos dun colectivo que hoxe en día representa uns 650 millóns de persoas en todo o planeta. 

Non obstante, Maquieira sinala que aínda queda moito por facer a favor da igualdade. Ademais, láiase de que as pensións que perciben son, xeralmente, “moi baixas e están moi mal repartidas”. Califica de “inxusto” que alguén teña que vivir cuns 300 euros de paga padecendo unha discapacidade que lle obriga a depender doutra persoa para moitas accións diarias. 

En canto ás barreiras arquitectónicas máis habituais, Maquieira ten dificultade para agarrar o manubrio das portas ou acceder a determinados mostradores como, por exemplo, o do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Na súa contorna bota en falta máis beirarrúas con rampla, menos escaleiras e un maior número de vehículos públicos aos que poder subir con total independencia. 

Aínda así considera que a sociedade avanzou bastante nos últimos anos e que o seu colectivo é cada vez máis aceptado. “O que antes parecía impensable para nós, agora é posible e temos maiores posibilidades”, -recoñece-. Maquieira lembra que ata a maioría de idade levou unha vida do máis normal e sempre se sentiu moi querida e protexida pola súa familia e amigos. A partir dos 18 anos viuse obrigada a facer fronte a reaccións crueis, superar discriminacións e tivo que planear a súa vida dende outro punto de vista.

A asociación que María Jesús Maquieira preside loita, dende que se creou no ano 2008 na comarca de Cangas, pola plena integración social das persoas con discapacidade e actualmente conta cuns 75 socios. As actividades que realizan ao longo de todo o ano van dende obradoiros de coiro a excursións ou actividades deportivas como pesca, taichí ou vela adaptable. 

Os beneficios da terapia en balnearios

De entre outras iniciativas desenvolvidas por Avanzar destacan as visitas periódicas ao Balneario de Cuntis, un lugar ao que acoden “encantados” e resulta moi beneficioso para as patoloxías que padecen os diferentes socios desta entidade. “As persoas que ao principio non se animan a vir é porque pensan que non é para eles pero, cando van, acaban repetindo”, –afirma Maquieira.

Mañá será a primeira vez que o colectivo aborde publicamente unha charla deste tipo onde os asistentes poderán coñecer como é o día a día dunha persoa con discapacidade. A súa titular confía en que “se a xente responde ben, levarémolas a outros lugares de Galicia”.