O Balneario de Cuntis acolle mañá xoves unha charla sobre a importancia das abellas para a saúde ambiental e persoal, impartida polo experto Pepe Torres

O apicultor sinala que en Cuntis hai entre 150 e 200 colmeas e que o seu mel é o mellor de Galicia, “se se dan as circunstancias naturais axeitadas”

O Balneario de Cuntis acolle mañá xoves, 15 de maio, ás 17:30 horas, unha charla sobre a relevancia do sector apícola, baixo o título “As abellas, baremo da calidade ambiental e natural das persoas”. O especialista Xosé Torres Romar, secretario da Asociación Galega de Apicultura e autor dun dicionario temático ilustrado, será o encargado de dirixir esta sesión. Afeccionado dende hai trinta anos, Torres afirma que as abellas “son vitais para o desenvolvemento da flora e da biodiversidade”, chegando a ser un “efectivo mecanismo de control biolóxico da saúde ambiental dun terreo”.

 

O experto destaca a importancia da polinización porque “as abellas fan un labor gratuíto do que depende a supervivencia do 70 por cento das plantas” e alerta do encarecemento dos produtos se non se pon remedio á progresiva desaparición destes insectos. “Sen a presenza das abellas, froitas coma mazás ou kiwis custarían moito máis, pasarían a ser produtos de luxo”-afirma.

Segundo Torres, o uso crecente de produtos químicos na horta, os incendios forestais que “arrasan coa flora existente na contorna dos apiarios” e o aumento nos últimos anos de plantacións de eucaliptos afectan de maneira directa ás abellas, e mesmo á cor do mel: “Tradicionalmente en Cuntis o mel era escuro, hoxe en día é claro debido ao predominio do eucalipto nos montes”. O especialista teima en que a súa loita “non é en contra do eucalipto, os apicultores queremos un eucalipto san, que bote flor e que sexa rendible tanto para os agricultores como para a natureza, pero precisamos recuperar a diversidade forestal de hai trinta anos”.

En canto a termos de produción en Cuntis existen entre 150 e 200 colmeas, e cada unha delas pode chegar a producir “unha media moi aceptable” de 25 quilos de mel ao ano, aínda que “en anos de boa floración do eucalipto pódese chegar ata os 70 quilos”. Torres asegura que se se dan as circunstancias naturais axeitadas, “o mel de Cuntis probablemente é o mellor mel de Galicia”. “Somos natureza, somos as augas, os campos e o monte, Cuntis é natureza”, conclúe.