O Balneario de Cuntis acolle mañá domingo pola tarde unha festa infantil coa participación de Os Bolechas, os populares personaxes da TVG

O humorista gráfico Pepe Carreiro presentará o libro “Os Bolechas van ás termas de Cuntis”

O Balneario de Cuntis acolle mañá domingo, ás catro da tarde, a presentación do libro de Pepe Carreiro Os Bolechas van ás Termas de Cuntis, coa presenza do propio autor, á que seguirá unha gran festa infantil cos populares personaxes da TVG. En función do tempo, as actividades lúdicas, que incluirán sorpresas e agasallos para os nenos, desenvolveranse ou nos xardíns ou na carpa do complexo termal.

 

Pepe Carreiro naceu en Vigo en 1954, é debuxante e humorista gráfico e foi o fundador das revistas Can sen dono e XO! Publicou viñetas e tiras nos principais xornais e publicacións de Galicia, así como dous libros sobre humor gráfico: Fraga na Galiza (Laiovento) e Mellor que onte, pero mellor que mañán (Fervenza). Igualmente ten amplo currículo como deseñador gráfico e publicitario.

O novo libro narra as aventuras dos nenos Bolechas cando acoden ao Balneario de Cuntis cos seus avós. Alí, mentres Sonia batalla contra un molesto catarro, os Bolechas proban diferentes tratamentos para mellorar a súa saúde, mostrando aos lectores o valor das augas termais.

Esta familia de personaxes animados é moi querida polos máis pequenos grazas ao seu programa na Televisión de Galicia e á súa colección de contos de carácter lúdico e didáctico, con máis de trescentos títulos que abranguen distintas áreas e situacións da aprendizaxe infantil.

A festa infantil é libre e gratuíta, pero o Balneario ofrecerá ese día descontos para os asistentes que queiran aproveitar tamén o Acquaform, aínda que neste caso, con reserva previa: máis información no teléfono 986 532 525.