O Colexio de Arquitectos de Santiago avoga polo transporte público na cidade para recuperar o espazo público dos cidadáns

Jorge_DuarteJorge Duarte, presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, pide un pacto pola mobilidade

Son ideas vertidas hoxe nunha charla-coloquio incluída no programa das IV Xornadas de Transporte e Mobilidade, organizadas por TUSSA e o Concello de Santiago


As IV Xornadas de Transporte e Mobilidade, organizadas por Tussa e o Concello de Santiago no hotel monumento San Francisco, tiveron hoxe como protagonistas ao presidente da Colexio de Arquitectos de Santiago, Jorge Duarte, e ao arquitecto Xerardo Estévez, nunha charla-coloquio sobre transporte público e planeamento urbano, que foi presentada pola concelleira de Urbanismo de Santiago, Mercedes Rosón.

Jorge Duarte instou aos axentes públicos a que fagan “unha aposta clara” polo transporte público: autobús urbano e de proximidade, así como polo tren, “para evitar o fluxo de vehículos privados e recuperar o espazo público para os cidadáns”. Explicou que historicamente as cidades foron construídas para os cidadáns e non para os coches, polo que “hai que devolver a cidade ás persoas e apostar claramente polos peóns mediante o transporte colectivo, incluíndo a bici como posible alternativa, seguindo o modelo de San Sebastián ou Barcelona; loitando pola  convivencia entre peón, bici e transporte público”.

O presidente do COAG-Santiago advertiu que o modelo de cidade de chalés adosados e poboación dispersa “non é sostible”, e avogou por unha planificación territorial que evite os grandes desprazamentos, planificación que esixe “vontade política e aposta da Administración”. Duarte destacou a importancia da estación intermodal como centro loxístico para articular os desprazamentos da cidade e permitir “percorridos a pé a calquera punto da cidade en só dez minutos”; e subliñou o papel do planeamento urbanístico: “O planeamento debe establecer que as zonas de novo crecemento teñan unha densidade que permita unha perfecta conexión co centro da cidade, para evitar a presión do vehículo privado”.

Pacto pola mobilidade

O titular dos arquitectos composteláns falou da necesidade de acadar un pacto pola mobilidade, afirmou que o planeamento e o urbanismo deben estar fóra do corto alcance político, e fixo unha aposta rotunda pola “mobilidade sostible, onde os cidadáns debemos empurrar aos políticos a tomar medidas mesmo impopulares”.