O Colexio de Arquitectos de Santiago homenaxea aos dez profesionais máis veteranos da delegación

CubertaO acto celebrarase mañá venres ás 21:30 horas no hotel A Quinta da Auga, no marco dunha cea colexial

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) rende mañá unha homenaxe aos dez arquitectos máis veteranos da delegación, que levan en activo desde a súa fundación fai 35 anos. O acto celebrarase ás 21:30 horas no marco dunha cea colexial no hotel A Quinta da Auga (Vidán-Santiago). Asistirán máis de 60 persoas, entre colexiados e acompañantes.

“Queremos recoñecer o labor deste grupo de magníficos arquitectos que levan toda unha vida dedicada á arquitectura e que tanto e bo fixeron pola cidade” –indica o presidente da delegación, Jorge Duarte. Como obsequio, os arquitectos homenaxeados recibirán un exemplar do libro Espazos de Cultura, unha obra que recolle a dimensión cultural dos 35 anos de historia da institución. Trátase dun libro-crónica, un exercicio de memoria necesario e, como a mesma arquitectura, o resultado dunha obra colectiva. Ademais, a Xunta de Goberno dará a benvida aos novos arquitectos da delegación, un total de 20 profesionais que entraron a formar parte do colectivo en 2009.

Arquitectos homenaxeados:
►Arturo Zas Aznar
►Elena Arregui Cruz-López
►José Antonio Bartolomé Argüelles
►Julián Morenas Aydillo
►José Carlos Arrojo Lois
►Daniel Noguera García
►José Luis Pereiro Alonso
►Carlos Almuíña
►Julián Zapata Pérez
►Xerardo Estévez Fernández

Arturo Zas Aznar. Colexiado nº 30
Arquitecto con máis de 50 anos de experiencia, que cumpriu as bodas de ouro na profesión coa distinción do Consejo Superior de los Arquitectos de España en 2006.

Elena Arregui Cruz-López. Colexiada nº 44 (Irún-Guipúzkoa, 1929)
A arquitecta vasca traballou en Santiago desde 1958. É a única muller que formou parte da xeración que abriu as portas de Galicia á modernidade arquitectónica, na segunda metade do século XX. Proxectou escolas, hospitais, centros de saúde, casas de verán. Foi a primeira presidenta da subdelegación de Arquitectos de Santiago e tesoureira do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. En 2003 foille outorgada a Medalla Castelao pola Xunta de Galicia.

José Antonio Bartolomé Argüelles. Colexiado nº 50
Formou equipo con Rafael Baltar Tojo, xa falecido, e Carlos Almuiña realizando numerosas obras de promoción pública e privada, entre as que destacan as de conservación de la Catedral de Santiago entre 1981 e 2005.

Julián Morenas Aydillo. Colexiado nº 77
Arquitecto compostelán, de procedencia extremeña, que realizou, entre moitos outros traballos, a rehabilitación do edificio histórico de Mazarelos como Facultade de Filosofía da USC.

José Carlos Arrojo Lois. Colexiado nº 92 (Santiago)
Exerceu a profesión en Compostela e foi presidente da delegación do Colexio na cidade.

Daniel Noguera García. Colexiado nº 101 (Valencia, 1946)
Arquitecto pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en 1970. En 1971 trasládase a Galicia onde comeza a súa carreira profesional. Mantén ao longo de 40 anos de actividade profesional en vivendas de Protección Oficial, vivendas colectivas e unifamiliares, rehabilitación, reparación e reforma, urbanismo, arquitectura escolar, construcións para o deporte, mercados, cinematógrafos, casas da cultura ou aparcadoiros públicos

José Luis Pereiro Alonso. Colexiado nº 103 (Vigo, 1941)
Estuda a carrera de arquitectura en Madrid, onde se gradúa en 1971. Traballa como arquitecto municipal do Concello de Vigo. Entre as súas últimas obras no campo da rehabilitación destacan o Hotel Compostela de Santiago (2008) e a antiga sede do Banco Olimpio Pérez da Praza de Cervantes para Centro Socio-Cultural de Caixanova en Santiago (2010).

Carlos Almuíña. Colexiado nº 110 (Santiago de Compostela, 1946)
Profesor de Debuxo técnico e autor do libro Debuxo Técnico, publicado en 1983. Foi presidente da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Santiago entre os anos 1999 e 2007. Formou con Rafael Baltar Tojo, xa falecido, e José Antonio Bartolomé Argüelles o equipo redactor do 1º Plan Director da Catedral de Santiago.

Xerardo Estévez Fernández. Colexiado nº 116 (Santiago de Compostela, 1948)
Arquitecto e político galego. Estudou arquitectura na Escola Técnica Superior de Barcelona. Establecido en 1972 en Compostela, exerceu como arquitecto e urbanista formando con outros profesionais o equipo Oikos. Foi alcalde de Santiago de Compostela nos períodos 1983-1986 e 1987-1998. En 1999 reintegrouse á práctica profesional. Entre as súas últimas obras destaca o edificio Emprendia do Campus Vida da USC. Ademais, o Concello de Santiago encargoulle a preparación da homenaxe pola celebración do 25 Aniversario da Declaración como Patrimonio da Humanidade á cidade de Compostela.

Julián Zapata Pérez. Colexiado nº 221 (San Sebastián, 1938)
Comezou a súa traxectoria na Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos. En 1977 trasladouse a Santiago para exercer como arquitecto de visado. Tempo despois pasou a coordinar a Comisión de Planeamento do Colexio de Arquitectos de Galicia.

A Delegación

A Delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago de Compostela fúndase en 1977. Nace como froito das necesidades de organización dentro do Colexio de Arquitectos de Galicia, que se foi subdividindo segundo as áreas territoriais das sete cidades galegas. A creación da Delegación de Santiago foi un paso moi importante para configurar a estrutura colexial tal como quedou recollida nos actuais Estatutos do COAG.

En concreto, a actual Xunta Directiva, formada por Jorge Duarte como presidente, Ana Isabel Piñeiro de secretaria e Miguel Serrano coa función de tesoureiro, ten como obxectivos básicos dar servizo aos arquitectos para poder desenvolver dignamente o seu exercicio profesional e intentar obter un maior protagonismo dos arquitectos e da arquitectura, abrindo o Colexio á sociedade e participando dela para que o traballo dos arquitectos se entenda como útil e necesario. Na actualidade a delegación está composta por 280 arquitectos colexiados.