O Colexio de Arquitectos rexeita que se avance no deseño da estación intermodal do AVE sen contar co proxecto gañador de Juan Herreros

Juan_HerrerosO Colexio de Arquitectos de Galicia rexeita que as Administracións Públicas avancen no deseño da estación intermodal do AVE en Santiago sen contar co proxecto gañador de Juan Herreros, proposta elixida a través do Concurso Internacional de Ideas que fora convocado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), dependente do Ministerio de Fomento.

O decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, lembra que o proxecto de Herreros foi seleccionado porque era “o que mellor resolvía as cuestións e necesidades que se indicaban para a zona”, e engade que, se cambiaron as condicións e os plans, “a proposta goza da suficiente versatilidade para poder adaptala ás posibles novas pretensións e aos tempos de crise económica, tal como xa manifestou publicamente o propio Herreros”.

“Desde o Colexio apostamos decididamente por un urbanismo de calidade, cuxas plusvalías revirtan na propia sociedade. Neste caso, os fondos que xeren o solo destinado a uso residencial debe axudar ao financiamento desta obra que debe resolver a infraestrutura ferroviaria coa mellora do espazo público urbano”, segundo expón o decano.

Duarte agrega que o proxecto gañador contribuía a superar “eficazmente” a ruptura da urbe coas Brañas do Sar e a Cidade da Cultura, así como a resolver conflitos de mobilidade no centro urbano e na súa área metropolitana: “A estación non é só un lugar, é tamén un punto fundamental da estrutura urbana pola súa centralidade”.

Duarte lembra que, ademais de promocionar “activamente” a divulgación e o debate social con conferencias (Juan Herreros dictou unha charla en Santiago o pasado 26 de outubro) e mesmo con traballos dos alumnos da Aula de Renovación Urbana (Consorcio de Santiago e a USC) sobre este asunto, o Colexio mantivo reunións periódicas co goberno municipal “co fin de aportar a súa visión e orientación no seguimento e desenvolvemento deste proxecto transcendental para a capital galega”.

O Colexio de Arquitectos de Galicia formou parte do xurado da convocatoria do ADIF, polo que ten un “coñecemento exhaustivo e detallado” tanto das propostas presentadas como da que foi elixida, segundo destaca o seu decano: “De aí que defendamos que se teña en conta a opinión e participación de Herreros na configuración da estación intermodal e o seu espazo, aínda que se queira variar ou readaptar o programa arquitectónco e urbanístico”.