O profesor Albert Cuchí ofrecerá o luns unha conferencia sobre a estratexia verde para Santiago no Ateneo

cuchiAbordarase a recuperación das Brañas do Sar a través dunha xestión sustentable, que transformará o modelo urbano e descubrirá unha auténtica “catedral de auga” na cidade

O Ateneo de Santiago, en colaboración coa Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, ofrecerá o próximo luns, 28 de xaneiro, a conferencia “Unha estratexia verde para Santiago”, dirixida polo doutor arquitecto e profesor do Departamento de Construcións Arquitectónicas da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), Albert Cuchí. O acto, que se celebrará no Ateneo (rúa do Vilar, 19) ás 20:00 horas, estará presentado polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, e contará coa presenza da presidenta da delegación compostelá, Ana Domínguez Laíño.

 

A Estratexia Verde de Santiago é un proxecto realizado por un equipo de investigadores da UPC, conxuntamente con técnicos locais por encargo do Consorcio de Santiago de Compostela e a Concellaría de Medio Ambiente do anterior gobierno municipal. Este informe pretende ser un novo instrumento de planeamento e xestión urbana que aposte por unha sustentabilidade baseada no patrimonnio da cidade tradicional como modelo de xestión sostible do metabolismo urbano.

 

O estudo céntrase en operar nos espazos verdes para cambiar a dinámica material da auga coa finalidade de promover un metabolismo urbano máis sostible. “Santiago conserva os seus espazos verdes pero precisa unha correxta xestión das súas augas” –indica Cuchí–. Alcanzado este obxectivo, a cidade conectaría de novo co seu territorio, restablecendo o modelo urbano tradicional de cidade-campo.

Segundo explica Albert Cuchí, o traballo baseouse na análise da relación entre os espazos verdes urbanos do río Sar. Estudáronse os sistemas de xestión das augas utilizados tradicionalmente, co fin de ofrecer propostas que reduzan os niveis de contaminación da auga devolta ao medio, o impacto das obras hidráulicas, o dispendio da auga potable, a erosión do terreo e os custos da depuración e distribución. Ao mesmo tempo pretende recuperar o aproveitamento agrícola e gandeiro das augas.

En orixe as Brañas do Sar foron un espazo dedicado á recuperación dos nutrintes arrastrados pola auga de escorrentía de Santiago, e constituían unha peza fundamental no metabolismo urbano, xa que permitían pechar un ciclo agrícola no que o exceso de materia orgánica e de auga producidas na cidade era aproveitadas para manter a fertilidade dos campos. Pero o abandono do modelo produtivo tradicional e a súa substitución polos modelos propios da sociedade industrial mudaron tamén os ciclos produtivos pechados por un sistema de ciclos abertos, nos que resulta imprescindible aportar continuamente diversos produtos minerais que xeran cantidades cada vez maiores de residuos de moi complexa xestión.

Para solucionar o problema de contaminación da auga foi necesario construír custosas infraestruturas, como os colectores do Sar e do Sarela, unha solución insuficiente que precisa doutras estratexias máis directas. “É preciso intervir directamente sobre a totalidade da conca do río Sar para devolver a auga ás Brañas e transformar así o modelo urbano da cidade cara a sustentabilidade, descubrindo a catedral de auga que posúe Santiago” –explica Cuchí–.