O estudio compostelán K2c arquitectas entrega os premios Tripomant na cidade 2.0 ás dúas mellores curtametraxes, “Trimpomant: última línea de defensa” e “El sueño del arquitecto”

TRIPOMANTKarme García, coordinadora do concurso:

“A nosa pretensión é continuar reflexionando sobre a cidade e o xeito de mellorala no futuro”

A cita será esta tarde, ás 19:00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil municipal O Ensanche de Santiago

O estudio de arquitectura compostelán K2c arquitectas, en colaboración coa Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, celebra  esta tarde a entrega de premios do concurso de curtametraxes Tripomant na cidade 2.0, con motivo da semana do Día Mundial da Arquitectura. A cita será ás 19:00 horas no salón de actos do Centro Sociocultural e Xuvenil municipal O Ensanche de Santiago (rúa Frey Rosendo Salvado, 14-16 ). Ademais, no trancurso do acto proxectaranse as sete curtas participantes.

 

 

O evento, presentado pola xornalista Ana Pérez, contará coa asistencia das representantes do comité organizador do concurso e arquitectas do estudio k2c arquitectas, Karme García e Carmen Rey; a presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ana Domínguez Laíño; a secretaria da institución, Mónica Carracedo; o responsable do departamento técnico da empresa Tripomant; Lisardo de Francisco Domínguez; ademais dunha das gañadoras do certame, Beatriz Sande, autora da cinta “El sueño del arquitecto” coa que conseguiu o segundo premio do concurso. Hugo López Morell, gañador do certame e da distinción do xurado popular coa curta “Trimpomant: última línea de defensa”, non poderá asistir ao acto.

Para entregar os premios, a organización invitou aos gañadores da primeira edición, Carlos Di Felice e Marcos Hermida (autores da curta “Tripo[wo]man [T]iempos de supervivencia”) e Suso Ben (autor de “Time Lapses”), que ao final do acto recibirán tamén un diploma pola súa participación no certame en 2011.

Karme García destaca que a decisión do xurado foi consensuada a través duns criterios mínimos establecidos nas bases do concurso. As curtametraxes gañadoras retrataron á cidade nos seus traballos audiovisuais e destacaron a marca Tripomant. Sumado a estes requisitos, as cintas caracterízanse pola súa calidade técnica, estética e o seu gran traballo de guión, edición e montaxe. “A nosa pretensión é continuar reflexionando sobre a cidade e o xeito de mellorala no futuro” –apunta–.

Ademais, Karme García agradece a todas as entidades colaboradoras no concurso a súa participación, a empresa de illamentos Tripomant, Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Concello de Santiago, Rede Municipal de Centros Socioculturais, Deputación da Coruña e Novagalicia Banco.

O primeiro premio foi para “Trimpomant: última línea de defensa”, unha curtametraxe realizada por Hugo López Morell, de dez minutos de duración, e protagonizada por Miguel Such, Pepe Miravete e Toni Ferri, entre outros. Esta cinta conta as aventuras vividas por un científico coruñés a partir do 15 de agosto de 2012. Cunha chamada telefónica convértese no protagonista dunha fazaña de salvación para todo o planeta, atacado por un meteorito. Un produto de construción e illamento case milagroso, Tripomant, consegue salvar á humanidade. O seu director recibirá 1.500 euros de premio.

O segundo premio, dotado con 1.000 euros, recaeu no traballo “El sueño del arquitecto”, de  Beatriz Sande. Esta curta (2’45’’) recolle unha serie de edificios antigos que na actualidade albergan usos totalmente diferentes ao orixinal, por exemplo unha antiga escola católica agora reconvertida na UNED; un antigo cuartel de cabalería, hoxe centro cultural; ou unha antiga nave de andares que na actualidade é un invernadoiro.