Os arquitectos composteláns destacan que o polígono de Vite representa os valores do movemento moderno, “con calidade dos materiais, sinxeleza nas formas e integración no territorio”

placaHomenaxearon esta mañá ao autor da obra, Julio Cano Lasso, e colocaron unha placa conmemorativa

Diego Cano, arquitecto e fillo do homenaxeado:

“Mi padre hacía unha arquitectura razonable, pensada y adaptada al lugar”

Esta tarde, ás 20:00 horas, expoñerase a maqueta orixinal de Vite na Casa da Conga

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe o Día Mundial da Arquitectura cunha homenaxe ao Polígono de Vite e ao seu arquitecto Julio Cano Lasso. Co lema desta edición, seleccionado polo Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), “O arquitecto como axente transormador da cidade”, os arquitectos composteláns queren chamar a atención sobre as obras pertencentes ao Movemento Moderno incluídas no Rexistro da Fundación Docomomo Ibérico, Vite e as vivendas de San Caetano.
Esta mañá organizouse un encontro no salón de actos do Centro Sociocultural do barrio de Vite “José Saramago”, onde participaron a presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ana Domínguez Laíño; a concelleira de Urbanismo de Santiago, María Pardo; o presidente da Asociación de Veciños do Polígono de Vite, Alfredo Santomil; e un dos fillos do arquitecto Julio  Cano Lasso, Diego Cano; ademais da súa dona, María del Pilar Pintos Vázquez-Quirós, e outros familiares que viaxaron ata Compostela para participar nesta sentida homenaxe.

A arquitectura amable de Cano Lasso

Na xuntanza, Ana Domínguez Laíño destacou que a obra de Vite representa os valores do movemento arquitectónico moderno, “con calidade dos materiais, sinxeleza nas formas e integración no territorio, constituíndo unha arquitectura transformadora da cidade e dos seus espazos”.

Alfredo Santomil lembrou como o barrio sufriu desde os seus comezos tres grandes modificacións que conseguiron incluír equipamentos e servizos de saúde, deportivos e sociais. “Co tempo e a presión vecinal chegaron os cambios e as melloras” –matizou–.

Pola súa parte, o tamén arquitecto Diego Cano calificou o traballo de seu pai de arquitectura “amable para ser recordada”. “Mi padre hacía unha arquitectura razonable, pensada y adaptada al lugar. La huella es diferente dependiendo de donde actúes, por el clima y los materiales de construcción”.

Tras estas intervencións, os membros da Delegación compostelá colocaron unha placa conmemorativa en memoria do arquitecto e o seu legado en Santiago. Ademais, os participantes no acto realizaron un percorrido guiado polo polígono, con parada nas vivendas de San Caetano, para finalizar no Auditorio de Galicia, todas obras de Julio Cano Lasso.

A obra do Polígono de Vite (1960) caracterízase por plasmar de forma modélica os valores transformadores e xeradores da arquitectura na cidade, e a súa capacidade de interactuar cos que a habitan. O arquitecto madrileño afirmaba que tanto o Polígono de Vite como a Obra Sindical de 284 vivendas en San Caetano conformaban unha arquitectura de “detalles humildes”.

Segundo indican os arquitectos composteláns, Julio Cano Lasso admiraba Santiago, como unha das vellas cidades que influíron na súa arquitectura, especialmente a súa implantación na paisaxe e a relación coa natureza. Preocupáballe un crecemento mal dirixido sobre o seu proxecto de Vite e así o manifestou:

“Siempre luché, en la medida de mi modesta influencia, y hoy veo que inútilmente, para evitar la destrucción del paisaje y bloquear el crecimiento de la ciudad por el Norte y el Oeste, salvando las huertas, prados y arboledas que forman el basamento multicolor y verde de la gran fachada monumental y su prolongación por el valle. Las viejas ciudades no son sólo joyas del paisaje, sino también el lugar donde todo ser humano tiene su asiento”.

Segundo explicou Laíño, Cano Lasso trata de colocar no proxecto de Vite cada peza no seu lugar. A intención era ocupar os puntos máis delicados e asegurar neles unha edificación mínima e a defensa da paisaxe. Conserváronse enclaves de magnífico arboredo, como a finca de Lois e a horta de San Francisco, xa desaparecidos.

“En toda actuación urbanística o tratamento da paisaxe é un problema de sensibilidade e amor que soe fuxir das nosas mans, xa que son outros os que urbanizaron, e as intencións, as veces moi meditadas, respecto á conservación de canle naturais, masas de arboredo, tratamento de taludes ou rochas desvanécense na execución das obras. Hoxe podemos dicir que tantas boas intencións quedaron en nada. A paisaxe foi devorada pola especulación, as fincas privadas de hortas foron edificadas” –apuntou Laíño–.

A obra sindical de San Caetano

Tamén é autor Cano Lasso da Obra Sindical de 284 vivendas a ambos lados da estrada da Coruña, en San Caetano, que forman dous pequenos núcleos. “De novo, a actualidade dunha vivendas sociais sometidas a unha normativa estricta e a un presuposto sempre por debaixo das necesidades mínimas” –lembra Laíño–.

Julio Cano Lasso é consciente da posición dos edificios, alixeirando a súa disposición, entre as árbores, o que na actualidade é unha vía de gran tráfico, e trata de lograr  agrupacións de bloques dispostos flexiblemente ao redor de espazos urbanos, illados e disoltos na paisaxe, como é tradición no urbanismo da España verde, coidando moito no proxecto a ambientación paisaxística, de gran calidade espacial aínda hoxe en día. Empregou a galería galega, descrita por Cano Lasso como “funcional y bella”.

Maqueta orixinal do proxecto

Pola tarde, realizarase unha reflexión sobre a capacidade transformadora do arquitecto na cidade, na sede colexial da Casa da Conga ás 20:00 horas. Ademais, producirase a cesión da maqueta orixinal do proxecto de Vite por parte do Concello de Santiago ao Colexio de Arquitectos. Esta maqueta estará exposta durante toda a semana na sede da Quintana.

Ás 20:30 horas, presentarase a proxección de “Fotografías de Arquitectura Contemporánea en Santiago de Compostela”, do fotógrafo Fuco Reyes. Durante toda a semana haberá unha proxección continua das fotografías no sala de exposicións colexial, en horario de 10:00 a 20:00 horas, excepto martes e xoves que pechará ás 18:30 horas.

Xa o martes, celebrarase unha charla sobre o Museo das Peregrinacións, impartida por Manuel Gallego Jorreto ás 19:30 horas, no propio edificio. Esta actividade está organizada polo Consorcio da Cidade de Santiago, en colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Para o xoves-4, a Delegación compostelá programou a proxección e entrega de premios do Concurso de Curtametraxes Tripomant na Cidade, organizada por k2c Arquitectas, en colaboración coa entidade colexial. O acto será ás 19:00 horas no Ensanche Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal.