A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos e o CGAC colaboran nun obradoiro infantil sobre arquitectura e urbanismo
- Detalles
-
Categoría: Arquitectos de Santiago
-
Published: Venres, 25 Mai 2012 11:00
-
Visitas: 627
O ciclo Sen moverte do sofá conectará virtualmente a rapaces de distintas cidades españolas que compartirán coñecementos sobre o seu contorno
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAG) coorganizan o obradoiro de arquitectura infantil Sen moverte do sofá. Este taller pretende dar a coñecer conceptos de arquitectura e urbanismo aos máis pequenos de xeito lúdico a través do Sistema de Construcción Lupo.
O ciclo Sen moverte do sofá constará de tres sesións, realizadas cunha serie de equipos didácticos, compostos por arquitectos situados nas cidades de Madrid, Palma de Mallorca e Santiago de Compostela. Con esta actividade os nenos poderán viaxar polo territorio nacional sen moverse do sofá e compartir experiencias con rapaces doutros lugares de modo simultáneo e a través das conexións en directo vía skype, mantendo unha auténtica comunicación aberta.
A través destas conexións virtuais e coa axuda das novas tecnoloxías (Goolge Earth, Street view, Skype,…), os participantes convértense en turistas en busca de parecidos e diferencias entre as urbes, estudando a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e outras singularidades, que fan das “cidades interesantes labirintos onde indagar, aprender e divertirse” –indica o responsable do Sistema Lupo e arquitecto, Fermín Blanco–.
Esta actividade está composta de tres unidades didácticas: o recoñecemento das cidades; o traballo de campo, mediante a confección dunha maqueta esquemática dunha cidade ou dun edificio para analizar a súa morfoloxía, crecemento e puntos característicos a nivel urbano e patrimonial; e o apartado Adiviña quen son, onde os rapaces deseñarán un sombreiro ou careta que representará un edificio característico, para que todos os participantes adiviñen as diferentes localizacións e resolvan as súas dúbidas sobre a arquitectura tradicional e contemporánea. Para pechar o obradoiro, os rapaces escribirán unha tarxeta postal que enviarán aos seus compañeiros de viaxe para compartir o traballo realizado e os mellores momentos da xornada.
Este obradoiro infantil impartirase nas instalacións do CGAC para un grupo máximo de 10 nenos con idades comprendidas entre os 7 e os 11 anos, que os domingos 27 de maio e o 9 e 23 de xuño, en horario de 11:30-13:30 horas, descubrirán o mundo da arquitectura e o urbanismo. A primeira xornada deste domingo xa ten todas as prazas cubertas e centrarase en ensinar aos rapaces o urbanismo de Santiago de Compostela. Esta actividade educativa está impartida por Santiago Chenlo, baixo a coordinación de Virginia Villar e a colaboración do arquitecto Fermín Blanco e o Colexio de Arquitectos de Galicia.
Os interesados poden inscribirse chamando ao teléfono 981546602 ou enviando un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., indicando nome, idade, teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico.
Recollida de material de debuxo polo “Día do Barrio” de San Pedro
A Asociación de Veciños “A Xuntanza”, do barrio de San Pedro, celebra o vindeiro sábado, 2 de xuño, o “Día do Barrio”, no que organiza diversas actividades coas que reactivar a zona e unir aos seus habitantes entre sí e co resto da cidade (www.axuntanza.org). Dentro das actividades, figura a recollida de material escolar para enriquecer as bases dos colexios públicos da zona.
Colaborando con esta iniciativa, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos anima a todos os colexiados a aportar material de debuxo (compás, regra, escuadro ou cartabón) que se poderá deixar nas oficinas da delegación (Praza da Quintana, 1 - 1º). O horario de recollida será de 10:00 a 14:00 horas, do luns 28 ao venres 1 de xuño. Ademais, os arquitectos de Santiago estarán presentes no “Día do Barrio” cunha mesa de recollida de material na propia asociación A Xuntanza, para que todos os cidadáns poidan participar desta iniciativa solidaria.