A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza esta tarde un debate sobre o conxunto de intervencións propostas para a Casa da Xuventude

casa_xuventudeAna Domínguez Laíño, presidenta da Delegación de Santiago Colexio de Arquitectos:

“É preciso un encaixe co contorno para unha posible recuperación ou unha análise de alternativas futuras en caso de desaparición”

Esta charla forma parte dun ciclo de conferencias, Estratexias de cidade, sobre problemas de territorio, edificación e espazos públicos urbanos

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebra esta tarde unha charla-coloquio sobre a “Casa da Xuventude: de Belvís ao Matadoiro”, dentro do ciclo de conferencias de temas de interese da cidade, Estratexias de cidade, que contará coa participación de representantes políticos e sociais. A charla será ás 20:00 horas na delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos (Casa da Conga. Praza da Quintana, 1). Os arquitectos composteláns explican que este ciclo pretende ser o reflexo dos problemas e actividades cidadás en canto á estrutura do territorio, edificios e espazos públicos urbanos aos que pertencen.

Para debater sobre o contorno da Casa da Xuventude e o seu posible derrubamento contarase coa presenza da presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ana Domínguez Laíño; a arquitecta Clara González Gil; o arquitecto Ignacio Cerrada, que foi técnico municipal na época de construción do edificio; e os arquitectos do estudio Carbajo y Barrios, autores dun proxecto sobre a zona que se presentou no congreso A cidade intuída, ademais de representantes das asociacións veciñais.

Segundo Laíño, a Casa da Xuventude é un edificio pouco coñecido pola cidadanía e cun futuro incerto. “Posúe un volume inadecuado, pero con infinidade de posibilidades como edificio de servizos. É preciso un encaixe co contorno para unha posible recuperación ou unha análise de alternativas futuras en caso de desaparición” –indica–.

Ademais, os asistentes falarán das posibilidades de actuación sobre o edificio, a súa apertura ao público, mellora do acceso ao parque de Belvís, liberación do andar baixo, portal de acceso de apertura e peche en horario do parque. Expoñeranse tamén os posibles custos das intervencións de revalorización e de mantemento do servizo. Clara González realizará unha presentación do proxecto inicial e Ignacio Cerrada falará sobre o plantexamento da decisión de derrubamento do Concello de Santiago.

Nesta liña, os asistentes analizarán a opción de demolición para acadar un espazo de entrada ao elemento verde na praza do Matadoiro e a súa reurbanización, tendo en conta os custos das distintas intervencións, a través da proposta de dous arquitectos que xa traballaron con esta perspectiva, Manuel Carbajo e Celso Barrios, presentada no congreso A cidade intuída que se celebrou en 2011.