A delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos analiza este mes a arquitectura bioclimática desde o punto de vista do planeamento

bio2011Celebraranse nove relatorios no salón de actos do Colexio, que comezarán este venres-4 coa intervención do arquitecto arxentino Eduardo Elkouss

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará durante todo o mes de novembro a XIV edición das Xornadas de Arquitectura Bioclimática. A actividade foi presentada hoxe en rolda de prensa pola presidenta da delegación, Ana Domínguez Laíño; o coordinador das xornadas, Federico López Taetzel; e o seu colaborador, o arquitecto Miguel Serrano. As charlas terán lugar todos os venres, de 19:00 a 21:30 horas, e sábados, de 10:00 a 14:00 horas, no salón de actos do Colexio –Casa da Conga–, excepto un relatorio que se celebrará pola semana, o martes-22 de novembro.
No marco destas xornadas, numerosos profesionais e expertos de distintas disciplinas e profesións reflexionarán sobre as posibilidades e solucións bioclimáticas na arquitectura actual. O coordinador das xornadas, o arquitecto Federico López Taetzel, indicou que nesta décimocuarta edición o programa ampliará o traballo exposto en edicións anteriores, onde a temática centrábase nos aspectos bioclimáticos dos edificios. “En 2010 formulouse o aspecto do planeamento e este ano profundizaremos nel coa axuda de varios profesores da Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid que falarán dos sistemas de control climático e o seu planeamento no contorno urbano. Analizaremos o papel das normas de planeamento máis axeitadas na construción bioclimática” –explicou Taetzel.

López Taetzel invita a todos os arquitectos a participar nunha xornadas moi interesantes que ofrecen unha gran capacitación práctica. O coordinador da iniciativa define a arquitectura bioclimática como un intento de incorporar nas vivendas criterios de aproveitamento enerxético a partir do diseño, incorporando nos edificios o equipamento técnico, produto do avance tecnolóxico cando resulte imprescindible. Pola súa parte, Miguel Serrano quixo agradecer a colaboración das empresas Cortizo, Solar Value e Saint Gobain como patrocinadoras desta edición das xornadas de arquitectura bioclimática.

Nas xornadas intervirá o venres-4 e o sábado-5 o arquitecto arxentino Eduardo Elkouss, que falará sobre a cidade e a súa conectividade, a través do transporte público, e da mobilidade. O venres-11 e o sábado-12 ofrecerá o seu relatorio o arquitecto Javier Neila, un dos principais especialistas españois en bioconstrución e un dos investigadores que desenvolveu a primeira cuberta ecolóxica do país.

A conferencia do venres-18 estará dirixida por un representante de Sistemas Cortizo, que presentará as novidades en produtos de aluminio da súa firma. Nesta xornada do venres tamén participará Joan Pessarrodona, da empresa S&P, que abordarase o tema da ventilación en edificios. O sábado-19 contarase cun representante do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). O martes-22 tocaralle o turno ao director de CITAV, Eduardo Mª de Ramos Vilariño, que explicará a función do dobre acristalamento hermético para as fachadas de vivendas. Finalmente, o venres-25 e o sábado-26 a arquitecta Esther Higueras ofrecerá un relatorio centrado nas estratexias de planeamento e edificación de Santiago de Compostela.