A Xunta Directiva da Agrupación Galega de Arquitectos Municipais (AGAM) do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Ante os recentes feitos acontecidos no Concello da Illa de Arousa, onde a arquitecta municipal, Pastora Parada Portas, foi obxecto de agresión, ameazas, coaccións e retención ilegal de xeito inaceptable por parte dun promotor inmobiliario e construtor da Illa,
MANIFESTAMOS:

O noso desexo de recuperación por parte da arquitecta municipal do Concello da Illa de Arousa, Pastora Parada Portas. Asemade, o noso incondicional apoio a súa labor profesional en defensa da legalidade urbanística sen ceder a presións inxustas.

O noso interese porque sexa depurada de modo exemplarizante a execrable conducta do devandito promotor inmobiliario e constructor. A sociedade non pode consentir que haxa actitudes contrarias á convivencia pacífica, con ameazas e coaccións. Estas actuacións, deben ser sancionados con severidade, para non mostrar tolerancia con este tipo de actuacións, que por desgracia son máis frecuentes do que puidera parecer.

O noso obxectivo de ordenar axeitadamente a nosa paisaxe e medio ambiente mediante a acertada aplicación das normativas urbanísticas nos nosos pobos, vilas e cidades. É hora de mandar a inequívoca mensaxe á cidadanía no sentido de que non vale todo en materia de ordenación do territorio. XA BASTA!!!

Os arquitectos municipais somos os profesionais máis capacitados para velar polo cumprimento das normativas urbanísticas, o que contrasta co feito de que en Galicia carecen de arquitecto un 45% dos concellos. Os arquitectos municipais temos claro que se debe construír soamente naqueles sitios que reúnan requisitos urbanísticos e ambientais axeitados e que as construccións deben estar rematadas con materiais e formas de acordo co seu lugar. Entón, por lóxica, constituímos un atranco para aquelas persoas que teñen un concepto da promoción inmobiliaria patrimonialista e ilimitado sen que a disciplina e o cumprimento da lei teñan cabida nel.

O noso convencemento de que é precisa unha modificación profunda da xestión do urbanismo en Galicia para evitar que feitos como o denunciado, se  sigan a producir. Deben simplificarse as normativas que rexen o sector e, sobre todo, asentarse mediante a súa aplicación, sen ter que sufrir modificacións lexislativas constantes como ten pasado nos derradeiros anos. Debe en tanto, dotarse de recursos legais dabondo aos arquitectos municipais para que o seu criterio técnico, independente e profesional prevaleza sobre criterios empresariais ou políticos.

A nosa proclama de que se distinga con claridade as actuacións profesionais rigorosas e axustadas á lei dos arquitectos municipais, das actuacións delitivas que enchen os periódicos e que deben ser rexeitadas veñan de onde veñan. Non se pode admitir que unha serie de procesos corruptos nos que fundamentalmente se atopan inmersos algúns empresarios e algúns políticos, sexan obxecto de confusión coa actuación exemplar de funcionarios públicos altamente cualificados e destinados ao servizo público.
ESIXIMOS:

1.    Unha contundente actuación xudicial contra o feito acaecido.

2.    Unha inequívoca repulsa social contra o mesmo.

3.    Un apoio institucional á arquitecta municipal da Illa de Arousa, Pastora Parada Portas, pola súa integridade moral e profesional.

4.    Respecto ao labor profesional dos arquitectos  municipais.


En Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2010

Xunta Directiva da AGAM