O concurso de curtametraxes do Colexio de Arquitectos de Santiago, Tripomant na Cidade, premia ás cintas Tripo[wo]man [t]iempos de supervivencia e Time lapses 2

TripoWomanO mércores-5 de outubro, ás 20:00 horas, celebrarase a entrega de premios na sede da Fundación Novacaixagalicia de Santiago

O resultado do certame e os vídeos podense consultar na web www.tripomantnacidade.com


O comité organizador do concurso de curtametraxes Tripomant na Cidade, posto en marcha conxuntamente pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), o estudo de arquitectura k2c arquitectas e a empresa de illamentos Tripomant¬, anunciaron esta mañá o nome dos traballos audiovisuais gañadores do certame. O resultado do concurso e os oito vídeos participantes xa están dispoñibles na web do concurso www.tripomantnacidade.com.
O obxectivo do certame foi seleccionar curtametraxes onde se contaran experiencias urbanas,  documentais, de ficción ou de animación. Como condición para poder participar no concurso, as cintas gañadoras reflectiron na súa gravación o logotipo e produtos da empresa Tripomant.

O xurado estivo composto pola secretaria do COAG-Santiago, Mónica Carracedo; en representación de K2c arquiectas, Carmen Rey; e por parte de Tripomant, o seu xerente, Lisardo de Francisco, e o responsable comercial da firma, Santiago de Francisco; e finalmente, de secretaria a arquitecta Carmen García, do estudo K2c arquiectas.

Os membros do xurado basearon os seus criterios de valoración na calidade e orixinalidade das propostas. Na elección dos gañadores, ademais da decisión do xurado, tipo un papel fundamental o voto do público a través de Internet, onde votaron 162 persoas.

Cintas gañadoras

O primeiro premio foi para Tripo[wo]man [t]iempos de supervivencia, unha curtametraxe realizada por Carlos di Felice e Marcos Hermida na Coruña, que centrou o seu argumento no percorrido dunha muller vagabunda polas rúas da cidade. Recibirán 1.500 euros. O segundo premio, dotado con 1.000 euros, recaeu no traballo Time lapses 2, de  Jesús Antonio Ben, realizado con imaxes aceleradas do ensache de Santiago de Compostela.

Finalmente, o premio do público foi para a xa premiada Tripo[wo]man [t]iempos de supervivencia, de Carlos di Felice e Marcos Hermida, que recibirán unha gratificación de 500 euros.

A entrega de premios e proxección dos traballos a concurso terá lugar na sede da Fundación Novacaixagalicia- CSM de Santiago (rúa do Vilar, 19), o mércores, 5 de outubro, ás 20:00 horas.