O concurso de curtametraxes do Colexio de Arquitectos de Santiago, Tripomant na Cidade, conta coa participación de oito traballos

sotaA votación popular, a través da web www.tripomantnacidade.com, estará aberta ata ás 14:00 horas do 19 de setembro e os gañadores daranse a coñecer ao día seguinte

O gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros


O concurso de curtametraxes Tripomant na Cidade da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) anuncio o prazo para a votación do público, que estará aberto na páxina web do certame (www.tripomantnacidade.com), ata ás 14:00 horas do luns 19 de setembro.
O certame está incluído como unha actividade complementaria do ciclo CineCidade. A finalidade do concurso é seleccionar  unha curtametraxe na que se conte unha experiencia urbana, documental, de ficción ou de animación, que teña lugar en calquera época.

Ademais, nas curtametraxes aparece reflectida a empresa Tripomant a través dos seus produtos, características dos seus illamentos, logotipo da firma… na trama, no audio ou nas imaxes. Todos os videos teñen unha duración de entre un e dez minutos, incluídos os títulos de crédito. En canto ao idioma, os traballos  están gravados en galego ou en castelán. “Este concurso invita a toda a sociedade a reflexionar sobre as cidades pero desde un punto de vista máis lúdico e a través dos medios audiovisuais, unha temática sobre a que leva anos reflexionando a Delegación de Santiago do COAG” –explicou Karme García, membro do comité organizador do concurso.

Curtas participantes

1.    Time lapses 1 (1’06’’)
2.    Time lapses 2 (1’06’’)
3.    He & she, we, I (4’39’’)
4.    Sótano (9’58’’)
5.    Composteland (6’12’’)
6.    Ciudad en movimiento (2’48’’)
7.    Quédate conmigo (7’07’’)
8.    Tripo[wo]man [t]iempos de supervivencia (7’59’’)


Voto do público

Na elección dos gañadores, ademais da decisión do xurado, integrado por representantes das entidades organizadoras, haberá voto do público a través de Internet. O xurado emitirá o seu fallo o 20 de setembro, día que se fará público o resultado do certame. Os seus criterios de valoración basearanse na calidade e orixinalidade das propostas, que deberán cumprir as condicións técnicas que se recollen na base do concurso e, en particular, a historia deberá desenvolverse nun contorno urbano coa presenza de produtos de Tripomant.

Concederanse tres premios. O gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros. A entrega dos premios terá lugar en Santiago de Compostela, na semana do 3 ao 7 de outubro, cando se celebrará un acto de presentación dos traballos.