A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza un concurso de curtametraxes baseadas nunha historia urbana

curtasO gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros

O prazo de entrega das curtas remata o 31 de agosto e o xurado emitirá o seu fallo o 20 de setembro


A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou esta mañá o concurso de curtametraxes Tripomant na Cidade. No acto estiveron presentes Ana Domínguez Laíño, presidenta da Delegación de Santiago do COAG; Lisardo de Francisco Domínguez, do departamento técnico da empresa de illamentos Tripomant; e Karme García, membro do comité organizador do concurso e arquitecta do estudo k2c arquitectas.
O certame está incluído como unha actividade complementaria da quinta edición do ciclo CineCidade, que organizan de maneira conxunta a Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o estudo de arquitectura k2c arquitectas e a empresa de illamentos Tripomant. A finalidade do concurso é seleccionar  unha curtametraxe na que se conte unha experiencia urbana, documental, de ficción ou de animación, que teña lugar en calquera época.

Karme García explicou que a temática do concurso, Cidades, é unha idea sobre a que leva varios anos reflexionando a Delegación de Santiago do COAG. “Este concurso invita a toda a sociedade a reflexionar sobre as cidades pero desde un punto de vista máis lúdico e a través dos medios audiovisuais. Difundiremos o certame por ambientes académicos, do cine e do sector audiovisual e intentaremos abarcar, ademais de Santiago e o resto de Galicia, outros puntos de España e por países latinoamericanos” –destacou.

Pola súa parte, Ana Domínguez indicou que este concurso é un paso máis do ciclo CineCidade “de achegar a arquitectura a toda a sociedade”. Tamén indicou que este certame será unha das actividades máis importantes da primeira semana de outubro, adicada ao Día Mundial da Arquitectura.

Ademais, na curtametraxe debe aparecer reflectida a empresa Tripomant a través dos seus produtos, características dos seus illamentos, logotipo da firma… na trama, no audio ou nas imaxes.

A curtametraxe debe ter unha duración de entre un e dez minutos, incluídos os títulos de crédito. En canto ao idioma, os traballos poderán presentarse en galego ou en castelán. O prazo de entrega das curtas rematará o 31 de agosto.

O público elxirá ao seu gañador a través de Internet

Na elección dos gañadores, ademais da decisión do xurado, integrado por representantes das entidades organizadoras, terase en conta o voto do público a través de Internet. O xurado emitirá o seu fallo o 20 de setembro. Os seus criterios de valoración basearanse na calidade e orixinalidade das propostas, que deberán cumprir as condicións técnicas que se recollen na base do concurso e, en particular, a historia deberá desenvolverse nun contorno urbano.

Concederanse tres premios. O gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros. A entrega dos premios terá lugar en Santiago de Compostela, na semana do 3 ao 7 de outubro, durante a edición 5.0 do ciclo CineCidade. As curtametraxes gañadoras estrearanse no marco deste ciclo de cine, xunto cunha selección de traballos que non resultaran premiados.