Ana Domínguez Laíño, Santiago Rodríguez e Mónica Carracedo conformarán a xunta directiva do Colexio de Arquitectos de Santiago

LaioAna Domínguez substituirá na presidencia a Jorge Duarte

A Delegación en Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) pechou hoxe o seu prazo de presentación de candidaturas cunha única proposta liderada por Ana Domínguez Laíño, que substituirá a Jorge Duarte ao fronte do colectivo profesional compostelán.
Nas próximas semanas serán proclamados os seguintes cargos electos: Ana Domínguez Laíño, presidenta; Santiago Rodríguez Alcalá, tesoureiro; e Mónica Carracedo Rodríguez, secretaria.

A futura presidenta da Delegación de Santiago do COAG aposta por seguir abrindo o colexio á cidadanía e á sociedade en xeral. “Cara os arquitectos traballaremos para satisfacer e mellorar os servizos colexiais, aumentando a súa calidade en aspectos como o laboral, cultural e formativo” –explicou Laíño.

Ana Domínguez Laíño (Boiro, 1974) é arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Diploma de Estudos Avanzados en Rehabilitación e Conservación do Movemento Moderno e actualmente está a realizar a Tese de Doutoramento sobre a Arquitectura Escolar de José López Zanón e Luis Laorga Gutiérrez, arquitectos dos anos 50-70. Foi presidenta da Asociación Primeiro Andar e organizadora das tres primeiras edicións dos Encontros Internacionais de Arquitectura. Tamén na súa faceta colexial, foi asistente da Xunta Directiva e membro da Comisión de Cultura do COAG-Santiago. Ademais, exerce a profesión libre no seu estudio de arquitectura ubicado en Lousame.