Ábrese o debate para a recuperación das Brañas de Sar a través da xestión sustentable da auga

augaAsí o manifestaron esta tarde na presentación das catro propostas dos alumnos da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación, dirixidas polo arquitecto Albert Cuchí

Esta acción forma parte do ciclo A auga de Compostela. Patrimonio para unha cidade sustentable, organizado polo Colexio de Arquitectos de Santiago


A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) presentou esta tarde no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) catro propostas para a recuperación das Brañas de Sar e a xestión sustentable da auga urbana de Santiago de Compostela realizadas por alumnos da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación e desenvoltas baixo a dirección de Albert Cuchí durante o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación da USC (curso 2009/2010).
O obxectivo destes traballos foi o estudo dos sistemas de xestión das augas utilizados tradicionalmente na cidade, co fin de ofrecer propostas que reduzan os niveis de contaminación da auga devolta ao medio, o impacto das obras hidráulicas, o dispendio da auga potable, a erosión do terreo e os custos da depuración e distribución. Ao mesmo tempo pretende recuperar o aproveitamento agrícola e gandeiro das augas.

O enfoque dos traballos: As Brañas de Santiago

Segundo explicou Cuchí, en orixe as Brañas do Sar foron un espazo dedicado á recuperación dos nutrintes arrastrados pola auga de escorrentía de Santiago, e constituían unha peza fundamental no metabolismo urbano, xa que permitían pechar un ciclo agrícola no que o exceso de materia orgánica e de auga producidas na cidade era aproveitadas para manter a fertilidade dos campos.

Pero o abandono do modelo produtivo tradicional e a súa substitución polos modelos propios da sociedade industrial mudaron tamén os ciclos produtivos pechados por un sistema de ciclos abertos, nos que resulta imprescindible aportar continuamente diversos produtos minerais que xeran cantidades cada vez maiores de residuos de moi complexa xestión.

Para solucionar o problema de contaminación da auga foi necesario construír custosas infraestruturas, como os colectores do Sar e do Sarela, unha solución insuficiente que precisa doutras estratexias máis directas. “É preciso intervir directamente sobre a totalidade da cunca do río Sar, tanto no contorno urbano de Santiago como augas arriba, para devolver a auga ás Brañas e transformar así o modelo urbano da cidade cara a sustentabilidade ” –indicou Cuchí.

Os contornos aos que se dirixen as propostas son:

•    A vertente da cidade histórica de Santiago cara o Sar, coa vaguada de Belvís como protagonista
•    O polígono de Fontiñas
•    O barrio de Santas Mariñas
•    As Brañas

A presentación destes traballos forma parte do ciclo organizado polos arquitectos de Santiago, A auga de Compostela. Patrimonio para unha cidade sustentable, en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente de Santiago e o Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación da USC. O presidente do COAG-Santiago, Jorge Duarte, apuntou que o Colexio trata sempre de fomentar a participación e o diálogo coa sociedade nos temas relacionados coa sustentabilidade e a mobilidade, de xeito previo á toma de decisións políticas para a renovación urbana da cidade.

Autoría das propostas

1.    Cidade histórica: Marcelo Badilla Cofré, Manuel Bugallo Otero, Carolina Domínguez Gómez, Paola María Mochales, María José Zelada Tomé
2.    Fontiñas: Belén Castaño Montoiro, Diego Mosquera Gómez, Sabela Núñez Acevedo, Teresa Vázquez Hernández
3.    Santas Mariñas: Alexandre Antunes Moreira, Isabel Sáez Alonso, Estefanía Vázquez Martínez
4.    Brañas de Sar: Luis Álvarez Fernández, María Arufe Noya, María del Carmen Carballeira Rodríguez e Lourdes Franco Martínez