O Colexio de Arquitectos de Santiago presenta mañá catro traballos sobre a xestión sustentable da auga urbana de Santiago, realizados por alumnos da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación

cuchiO arquitecto Albert Cuchí,  titor do Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación da USC, fará unha breve introdución sobre os proxectos

O acto comezará ás 20:00 horas no CGAC


A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) presenta mañá xoves, 13 de xaneiro, catro propostas para a xestión sustentable da auga urbana de Santiago de Compostela realizadas por alumnos da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación e desenvoltas baixo a dirección de Albert Cuchí durante o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación da USC (curso 2009/2010). O acto terá lugar ás 20:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Previo á exposición dos traballos, aproximadamente ás 18:30 horas, proxectarase a conferencia do arquitecto, urbanista e experto da Unesco en climas áridos e na loita contra a desertificación, Pietro Laureano, titulada “A auga: patrimonio para unha cidade sustentable”. Esta conferencia tivo lugar no CGAC o pasado 24 de xuño.

A presentación destes traballos e a conferencia de Pietro Laureano son o núcleo principal do ciclo organizado polos arquitectos de Santiago, A auga de Compostela. Patrimonio para unha cidade sustentable, en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente de Santiago e o Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación da USC. Ao longo da edición do Máster desenvolvéronse no seu taller varios traballos sobre a xestión das augas de escorrentía urbana de Compostela, centrados en tres cuncas que verten sobre o río Sar (a cidade histórica, desde Caldeiraría Orfas-Calderería-Preguntoiro cara ao este, Fontiñas e Santas Mariñas) e nas Brañas do Sar.

O obxectivo destes traballos foi o estudo dos sistemas de xestión das augas utilizados tradicionalmente na cidade, co fin de ofrecer propostas que reduzan os niveis de contaminación da auga devolta ao medio, o impacto das obras hidráulicas, o dispendio da auga potable, a erosión do terreo e os custos da depuración e distribución. Ao mesmo tempo preténde recuperar o aproveitamento agrícola e gandeiro das augas e o uso polos veciños de medios hoxe en día segregados da cidade.

Este ciclo englóbase dentro dunha liña en que a Delegación de Santiago do COAG leva tempo traballando: A busca de novos modelos baseados na recuperación de coñecementos tradicionais que permitan enfrontarse á nosa urxente necesidade de crear e habitar medios sostibles e profundar no estado do oficio de arquitecto, e tal vez na súa reformulación. O presidente do COAG-Santiago, Jorge Duarte, apuntou que o Colexio trata sempre de fomentar a participación e o diálogo coa sociedade nos temas relacionados coa sustentabilidade e a mobilidade, de xeito previo á toma de decisións políticas para a transformación da cidade.