Un grupo de arquitectos de Santiago, co apoio doutros recoñecidos profesionais, reflexionan sobre o futuro da cidade

Museo_del_AguaEsta análise axudará a concluír se o Camiño de Santiago e Compostela continuarán sendo un referente mundial en 2021

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) colabora coa Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica do Concello de Santiago na celebración dunhas xornadas de reflexión na sede colexial sobre a evolución futura do urbanismo da cidade.
Na xornada de hoxe, un numeroso grupo de arquitectos composteláns, escollidos polo consistorio e organizados en nove equipos de traballo, debateron sobre a evolución da cidade, as posibles realidades dun futuro próximo e as distintas direccións que o espazo urbano pode tomar neste período de tempo ata o próximo 2021. Contaron co apoio de varios arquitectos nacionais e internacionais, entre os que destacan Manolo Gallego, Víctor López Cotelo, Gonçalo Byrne, Juan Domingo Santos ou Emiliano Lopez, entre outros.

Esta reflexión conxunta servirá para concluír se a situación no próximo Xacobeo de 2021 marcará a diferenza entre seguir sendo un referente mundial durante esta metade de século ou pasar a ser unha máis das moitas cidades turísticas que existen. Será o punto de inflexión para constatar se a cidade e o camiño sobreviven ao éxito actual coa autenticidade e calidade desexables.

Ao fin da xornada, o arquitecto granadino Juan Domingo Santos expoñeu ante o público da sala unha das súas obras máis destacadas, o Museo del Agua de Lanjarón (Granada). A obra foi u proxecto de renovación dun antigo muíño de auga en Lanjarón, onde se atopa un dos balnearios máis recoñecidos de España.

A rehabilitación dun muíño


Segundo explicou Santos, o proxecto do museo iniciouse coa busca dun lugar que favorecese a presencia de auga en condicións naturais. O espazo escollido atópase no acceso ao Parque Natural de Sierra Nevada, xunto ao río Lanjarón.

“La intención al ubicar en este espacio el museo ha sido preservar el entorno natural de la especulación urbanística mediante la creación de un itinerario que relaciona la nueva actividad con las infraestructuras de agua y algunas arquitecturas próximas como molinos y un antiguo lavadero público” –puntualizou Juan Domingo Santos.

O arquitecto explicou o proceso construtivo, falando da reciclaxe de materiais e espazos dispoñibles, como a incorporación das naves dun  antigo matadeiro próximo e os trazados de auga do contorno, mesturando as antigas construcións coa naturaleza.

Juan Domingo Santos


É arquitecto e profesor de Proyectos na ETSA de Granada e invitado en diversas escolas de arquitectura internacionais como: Escola Politécnica de Lausanne (Suiza); Escola de Arquitectura de Lisboa (Portugal); Fach Hochschule Lausitz de Cottbus (Alemaña); Fakultät Architektur an der Technischen Univertät Dresden (Alemaña); Facultade de Arquitectura e Deseño Interior da Universidade de San Francisco de Quito (Ecuador); Columbia University, New York (EE.UU); Escola de Arte, Arquitectura e Deseño da Universidade de Guadalajara (México); AAI, Architectural Association of Ireland, no Davis Theatre del Trinity College Dublín (Irlanda); e na actualidade na Technischen Univertät München (Alemaña); así como en escolas españolas, como ETSA Navarra, Barcelona, Madrid, entre outras.

Desenvolveu co seu traballo unha liña de investigación sobre a intervención arquitectónica no patrimonio. Recentemente a súa tese doutoral, “La tradición innovada. Sobre transformaciones en arquitectura y arte”, foi premiada pola Fundación Caja de Arquitectos e seleccionada para a súa publicación dentro da colección Arquitesis. Foi comisario de exposicións como “El Chiado. Lisboa. Álvaro Siza, la estrategia de la memoria”,  “Música y poesía del sur de Al-Ándalus”, e máis recentemente “Las fábricas del sur. Sobre patrimonio industrial en Andalucía”.

Os seus traballos foron expostos en mostras internacionais e nacionais como a 7ª Biennale di Architettura di Venecia; On-Site, New Architecture in Spain, organizada polo Museum of Modern Art (MoMA) de Nueva York; e na Bienal de Arquitectura Española (93-94), entre outras, ademais de ser nominado aos Premios Mies van der Rohe (2007).