As xornadas bioclimáticas analizan o Libro Branco da Sostibilidade no Planeamento Urbanístico Español co seu autor, José Fariña

Jos_FariaA obra repasa os instrumentos de planeamento para facer fronte ao novo reto do século XXI, a sostibilidade

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrou hoxe un novo relatorio dentro das súas xornadas de arquitectura bioclimática. O arquitecto José Fariña explicou aos asistentes os puntos básicos do Libro Branco da Sostibilidade no Planeamento Urbanístico Español, do que é autor xunto con José Manuel Naredo.
Falou sobre o decálogo e o proceso metodolóxico do Libro Branco. As competencias en planeamento e ordenación do territorio son exclusivas das Comunidades Autónomas de forma que, cando o Ministerio de Vivienda (agora convertido en Secretaría de Estado de Fomento) lles encargou a estes dous arquitectos a redacción do Libro Branco, eran conscientes das dificultades de converter algunhas das súas propostas en normativa. Tendo en conta que o goberno central non podía facelo, tratouse de abrir un debate que propiciara o cambio necesario, dadas as distintas prioridades do século actual respecto ás do século XX. “Los problemas y la sociedad han cambiado, pero los instrumentos de planeamiento continúan siendo los que se inventaron para dar respuesta a la ciudad surgida de la Revolución Industrial” –indicou Fariña.

No Libro Branco repásase a situación na que se atopan estes instrumentos de planeamento en relación ao novo reto do século que comeza: a sostibilidade, é dicir, como conciliar o feito de que a pegada ecolóxica da humanidade sexa superior á superficie do planeta, situación que se percibe desde os anos 80.

O traballo complétase cunha serie de recomendacións ás que se deu forma de decálogo. Os dez temas son: Lexislación urbanística e ambiental; contido do dereito de propiedade e planeamento urbanístico; o ámbito administrativo do plan; relación entre planificación territorial e planeamento urbanístico; necesidade de cambiar as características do plan de urbanismo; seguimento do plan e observatorios territoriais; participación cidadá; criterios de sostibilidade; uso eficiente dun patrimonio inmobiliario sobredimensionado que xera vivendas sen uso e persoas sen vivenda; a crise dun modelo inmobiliario insostible e a necesidade de cambialo.

José Fariña e doutor Arquitecto e licenciado en Dereito, ademais de catedrático de Urbanismo e Ordenación do Territorio na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. É experto en deseño urbano sostible da Unión Europea e do Gobierno de España.